• O presidente do Parlamento participou no acto institucional conmemorativo do 20º aniversario da promulgación do estatuto de capitalidade de Santiago de Compostela
Santiago, 29 de xuño de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia participou este mediodía no acto institucional organizado para conmemorar o 20º aniversario da promulgación do estatuto da capitalidade de Santiago de Compostela.
Para Santalices, a aprobación por unanimidade do Parlamento de Galicia do estatuto de capitalidade de Santiago, hai 20 anos, acredita “a madurez das nosas institucións, o afianzamento da autonomía e a definitiva superación da vella e, naquela altura, xa absurda disputa”.
A xuízo do presidente do Parlamento, os 40 anos transcorridos desde a posta en marcha da autonomía “propiciaron o exercicio dun autogoberno caracterizado polo sentidiño que permitiu mudar, sempre para mellor, a faciana de Galicia: unha comunidade interconectada que, na práctica, pode funcionar e funciona, moitas veces, como unha cidade única”.
Ao fío desta reflexión, Santalices Vieira referiuse ao “contrasentido de determinados localismos, unha das nosas materias pendentes que, estou certo, seremos quen de superar máis cedo que tarde” porque, dixo, “todos queremos unha Galicia forte”.
Acerto
Insistiu Santalices no “acerto” das deputadas e deputados que hai vinte anos aprobaron o estatuto de capitalidade de Santiago, capital dunha Galicia “aberta e cordial, orgullosa da súa identidade diferenciada, mais tamén plenamente integrada no Reino de España, na Europa que entre todos construímos cada día, e sempre referencia universal da man dos camiños que conducen a Santiago de Galicia”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.