saltar ao contido

O presidente do Senado visita o Parlamento de Galicia, onde Santalices reitera a lealdade institucional da Cámara galega

• Reuniuse co presidente do Parlamento e cos integrantes da Mesa e Xunta de portavoces no marco dunha xira que está a efectuar ás diferentes cámaras autonómicas

Santiago, 13 de xuño de 2022.- O presidente do Senado, Ander Gil García, visitou esta mañá o Parlamento de Galicia no marco dunha xira que está a efectuar aos diferentes lexislativos autonómicos.
 
O titular da Cámara territorial da Cortes foi recibido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que lle amosou a sede da institución antes de manter unha reunión no despacho da Presidencia, onde tamén asinou no libro de ouro da institución.
 
Durante o encontro, Santalices explicou a Gil García a programación que desenvolveu o Parlamento de Galicia no marco da conmemoración do 40 aniversario da autonomía galega e que tivo un dos seus puntos culminantes o pasado 19 de decembro, cando se cumpriron 40 anos da constitución da Cámara.
 
Insistiu Santalices na plena lealdade institucional do Parlamento de Galicia, ao tempo que defendeu a vixencia do pacto constitucional sobre o que se sustenta a democracia parlamentaria e o Estado das Autonomías.
 
Despois da reunión co titular da Cámara, o presidente do Senado mantivo un encontro cos integrantes da Mesa e Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina