saltar ao contido

Santalices: “É fundamental garantir unha educación transformadora, inclusiva, equitativa e de calidade, así como oportunidades de aprendizaxe permanente”

• O presidente do Parlamento de Galicia inaugurou un pleno infanto-xuvenil celebrado este mediodía no Pazo do Hórreo en apoio á Campaña Mundial pola Educación

• Traslada os seus parabéns ao conxunto da comunidade educativa polo esforzo e traballo durante a pandemia

• “A normalidade do primeiro mundo non pode ocultarnos a crúa realidade dos menos afortunados, como as nenas afgás ou as nenas e nenos ucraínos”, sinala Santalices
 
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a celebración dun pleno infanto-xuvenil enmarcado nas accións de apoio á Campaña Mundial pola Educación, iniciativa que dende o ano 2000 busca sensibilizar e acadar o compromiso dos cidadáns e dos representantes políticos coa formación dos rapaces e rapazas de todo o mundo.
 
A través do manifesto #MilMillonesDeVoces os impulsores da campaña buscan reflexionar sobre a crise educativa global que a pandemia da Covid-19 agravou nos últimos anos e que está a dificultar que unha gran cantidade de mozos e mozas accedan a unha educación digna, sobre todos nos países con menos recursos.
 
Na intervención inaugural, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou que “só un insensato podería rexeitar as propostas e reflexións recollidas no manifesto, que inciden na necesidade de garantir unha educación transformadora, inclusiva, equitativa e de calidade, así como oportunidades de aprendizaxe permanente”.
 
Santalices incidiu “no infinito valor da educación” e reivindicou “a súa mellora, sobre todo para as nenas e nenos que non teñen acceso a ela”. Subliñou que “a nosa normalidade, a normalidade das sociedades educativas do primeiro mundo, non pode ocultarnos a crúa realidade de países menos afortunados”. “Penso, particularmente, nas nenas afgás, e penso tamén, nas nenas e nenos ucraínos”.
 
Recoñecemento ao traballo dos docentes e do alumnado durante a pandemia
 
Na súa intervención, o titular do Lexislativo galego subliñou que “a pandemia da covid-19 acabou provocando a maior interrupción educativa da historia, pero cun matiz que non é precisamente menor: nos países desenvolvidos, como no caso de Galicia e de España no seu conxunto, esa interrupción foi só relativa na medida en que a suspensión das clases se paliou co ensino virtual”.  Santalices estendeu o seu recoñecemento e gratitude a toda a comunidade educativa.
 
Construción dun futuro mellor
 
Dirixíndose ao alumnado presente no acto, o presidente da Cámara galega convidounos a reflexionar sobre a súa privilexiada posición e a responder “a esta situación ofrecendo cada día o mellor de vós mesmos, esforzándovos decote para formarvos como persoas de ben e como futuros profesionais cualificados”.
 
A de hoxe foi a segunda ocasión na que o Pazo do Hórreo acolleu un pleno no marco desta campaña. Contou coas intervencións da directora xeral da Fundación Educo, Pilar Orenes; o vicepresidente segundo e Conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo Pouso; alumnado dos CEIP Labarta Pose (Zas), Víctor Sáenz (Cumbráns), Raquel Camacho (A Coruña), As Vendas da  Barreira, Virxe da Cela (Monfero), IES Aguiar de Betanzos e da USC, así como cadanseu representante dos grupos parlamentarios: Ovidio Rodeiro (PPdeG), Manuel Lourenzo (BNG) e Noelia Otero (PSdeG-PSOE).
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina