saltar ao contido

O Parlamento de Galicia leva a Pontevedra a exposición conmemorativa do 40 aniversario da institución

• A inauguración terá lugar mañá mércores no Café Moderno Afundación, onde poderá visitarse ata o 25 de xuño
 
• Entre outros materiais, a mostra inclúe a Proposta de Consello de Galiza, documento manuscrito de Castelao datado arredor de 1943 

Santiago, 31 de abril de 2022.- O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021 é o título da exposición que se inaugurará mañá mércores en Pontevedra para repasar os feitos máis salientables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.
 
A mostra, que xa permaneceu aberta ao público na sede da Cámara galega entre o 15 de decembro e o 15 de marzo, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.
 
O comisario contou coa colaboración de Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.
 
Materiais
 
A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.
 
Entre outros, na exposición é posible contemplar a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada arredor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.
 
A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane.
 
A exposición, de carácter itinerante, recalará nas diferentes cidades galegas nos próximos meses. Antes de Pontevedra, estivo en Ourense e A Coruña.
 
En Pontevedra estará aberta entre o 1 e o 25 de xuño no Café Moderno Afundación (Praza San Xosé, 3). A inauguración está prevista para mañá mércores, 1 de xuño, ás 19,30h.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina