saltar ao contido

Santalices reivindica a importancia dos “coñecementos e ferramentas para a prevención e o coidado da saúde” no marco da Feira da Saúde ASOMEGA

• O presidente do Parlamento de Galicia participou esta mañá na inauguración da primeira Feira da Saúde, coincidindo coa celebración do II Encontro Mundial de Médicos Galegos
• Anima a profesionais e sociedades científicas a acometer un “esforzo de concienciación” para combater o negacionismo que agroma a través de movementos como os antivacinas
 
Santiago, 6 de maio de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá na inauguración da Feira da Saúde ASOMEGA (Asociación de Médicos Galegos), que se celebra no marco do II Encontro Mundial de Médicos Galegos.
 
Santalices trasladou os seus parabéns a ASOMEGA pola iniciativa da Feira da Saúde, sinalando que “cómpre agradecer o traballo desinteresado de cantos estes días teñen convertido a Santiago de Compostela, e por tanto a Galicia, nunha das capitais mundiais da medicina”. Felicitacións que o titular do Parlamento quixo personalizar no presidente da asociación, o doutor Julio Ancochea, subliñando que a súa vida e traxectoria estiveron e están “consagradas á medicina e aos enfermos”.
 
O presidente do Parlamento recordou tamén a importancia da medicina rural, subliñando que unha mostra representativa de material do Museo Rural de Maceda, en Ourense, será exposto no marco da Feira da Saúde. Esta reivindicación foi acompañada dunha loa aos “coñecementos e ferramentas valiosísimos para a promoción, a prevención e o coidado da saúde”, pois, para Santalices, esta “é o ben más prezado de calquera persoa. Agora e sempre”.
 
O perigo do negacionismo
 
A realidade pandémica que semella ir quedando atrás levou ao titular da Cámara galega a chamar a atención “sobre unha realidade que me ocupa e preocupa desde hai moito tempo, e que recuperou un lamentable protagonismo a raíz da recente pandemia”. “Refírome ao negacionismo que, en datas recentes, se manifestou de diferentes maneiras, moi especialmente a través do movemento antivacinas, malia que a inmunización foi, sen dúbida, o principal dique de contención da covid-19”.
 
Santalices Vieira demandou “un esforzo de concienciación” para loitar contra a desinformación neste eido, “que ha de contar cunha participación activa das diferentes sociedades científicas e, por suposto, de todo o persoal facultativo, como xa sucede neste momento”.
 
Un programa divulgativo sustentado en catro piares
 
A sede de Afundación en Santiago de Compostela acolle este primeiro Feira da Saúde coa intención de divulgar sobre catro temas fundamentais: “O Camiño de Santiago e a saúde”, “Saúde da Muller”, “Envellecemento saudable”, e “Dieta Atlántica”. A xornada de hoxe arrancou co primeiro deles, e o presidente do Parlamento de Galicia quixo recordar ao Dr. José Carro Otero, recentemente falecido,   “fervoroso divulgador, da historia da medicina e entusiasta impulsor do fenómeno xacobeo”.
 
Santalices tamén tivo palabras apreciativas para o resto de facultativos que “acoden estes días a Santiago para intercambiar saberes e experiencias”, pois, engadiu, isto “constitúe un verdadeiro prodixio merecente de todo recoñecemento”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina