saltar ao contido

Acordos da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o 19 de abril de 2022

A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 19 de abril de 2022, adoptou os seguintes acordos:

Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións
 
- 26894 (11/PNC-002491)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia ante o Goberno central para acadar a participación do sector marítimo-pesqueiro no desenvolvemento dunha transición enerxética xusta para formular unha proposta homoxénea no nivel de prezos e impositivo do combustible
BOPG n.º 256, do 14.01.2022
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 3 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
 
1. Que asegure a participación do sector marítimo-pesqueiro no desenvolvemento dunha folla de ruta tendente a unha transición enerxética xusta, equilibrada e asumible.
 
2. Que defenda ante a Organización Mundial do Comercio a formulación dunha proposta homoxénea no nivel de prezos e impositivo do combustible, antes de proceder á retirada dos subsidios ou bonificacións.”

Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 27685 (11/PNC-002537)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España da realización, diante da Unión Europea e da Organización Mundial do Comercio, dunha defensa do sector marítimo-pesqueiro e da cadea mar-industria
BOPG n.º 259, do 19.01.2022
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
 
1. A realización, diante da UE e da OMC, dunha defensa pechada para frear a proposta de prohibir as subvencións á compra ou a cubrir os custos de combustible, cuxo obxectivo é a defensa da igualdade global da actividade marítimo-pesqueira e da competitividade e sustentabilidade da nosa frota.
 
2. A reorientación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) cara ás necesidades de mellora e avance cara ao futuro do sector marítimo-pesqueiro e da cadea mar-industria, con especial incidencia na busca dunha axeitada remuda xeracional e na mellora da competitividade da estrutura produtiva e da protección do medio mariño mediante medidas de cogobernanza co sector.
 
3. A formulación dunha petición á Comisión Europea para a revisión das medidas de protección do marraxo dientuso de forma que non leven ao quebranto económico da frota e que teña en conta todas as medidas de xestión sostible que as diferentes ORP e a UE teñen adoptado en favor desta especie.
 
4. A dirixirse ao Parlamento Europeo e á DG Mare para amosar o seu rexeitamento á Resolución sobre un aumento dos recursos pesqueiros no mar, medidas para promover a recuperación das poboacións de peixes por riba do rendemento máximo sustentable (RMS), en particular zonas de recuperación de poboacións de peixes e zonas mariñas protexidas, de tal xeito que se reconsidere o seu contido, en favor do xusto equilibro entre a sustentabilidade ambiental e as dimensións económica e sociolaboral da actividade pesqueira.
 
5. A trasladar durante as negociacións nos trílogos do Regulamento de Control da Pesca (CE) 1224/2009, o rexeitamento ás medidas contempladas, especialmente as referentes á pesca costeira artesanal e, de forma específica, as referidas á obrigatoriedade de instalación de cámaras a bordo a obrigación de instalar o Diario Electrónico de Pesca na frota artesanal e a imposición da xeolocalización en barcos de máis de 4 metros de eslora.”

- 32238 (11/PNC-002887)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno do Estado respecto da corrección do proxecto de real decreto polo que se regula o exercicio da pesca das diferentes modalidades que se levan a cabo en augas dos caladoiros nacionais co obxecto de incluír a diferenciación entre a arte das vetas e a das volantillas
BOPG n.º 296, do 23.03.2022
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado corrixir o “proxecto de Real Decreto polo que se regula o exercicio da pesca das diferentes modalidades que faenan en augas dos caladoiros nacionais Cantábrico Noroeste, Golfo de Cádiz e Mediterráneo”, co obxecto de incluír no texto final a diferenciación entre a arte das betas e a das volantillas e garantir así que as embarcacións que empregan estas últimas podan faenar tanto en augas interiores como fóra delas.”
 
- 32597 (11/PNC-002934)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno do Estado respecto da integración das escalas que desenvolven a súa actividade nos buques pertencentes ao Servizo de Gardacostas de Galicia no réxime especial dos traballadores do mar
BOPG n.º 300, do 30.03.2022
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a levar a cabo todas as xestións necesarias para que o Goberno do Estado integre as escalas que desenvolven a súa actividade nos buques pertencentes ao Servizo de Gardacostas de Galicia no Réxime Especial dos Traballadores do Mar e a demandar segundo a lexislación vixente, nomeadamente o RD 1311/2007, os coeficientes redutores correspondentes establecidos no seu artigo 1.a.2º reforzando esas xestións coa elaboración dun informe propio sobre o índice de mortalidade e morbilidade que vén afectando ás persoas dese Servizo ao longo dos anos."

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina