4.2 30969 (11/PNP-002681)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Amigo Díaz, María Encarnación e 14 máis
Sobre a extensión por parte da Xunta de Galicia do protocolo de xestión integral da demanda en equipo (XIDE) a todos os centros de atención primaria
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 281, do 23.02.2022
O texto aprobado é o seguinte:
<<O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1º- Estender a todos os centros de atención primaria de Galicia, ao longo do ano 2022, o protocolo de xestión integral da demanda en equipo (XIDE) no que se dirixen as consultas de xeito directo ao profesional máis axeitado á necesidade do paciente, garantindo así a súa atención en tempos de resposta determinados segundo sexa a necesidade da consulta inmediata, no día ou ordinaria
2º- Ofrecer á poboación, a través da publicación periódica dos datos, información sobre a dispoñibilidade de profesionais de todas as categorías involucradas na atención primaria, desagregada por área ou distritos sanitarios, e comprometer a maior contratación posible dos profesionais necesarios e dispoñibles para optimizar o funcionamento dos centros de atención primaria no marco do que establecen as leis de orzamentos galega e estatal>>.
4.4 32195 (11/PNP-002777)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno do Estado da posta en marcha de determinadas medidas urxentes para minimizar as consecuencias socioeconómicas da invasión de Ucraína nas empresas e nos cidadáns, así como sobre a posta en marcha pola Xunta de Galicia de medidas propias no ámbito das súas competencias
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 292, do 16.03.2022
O texto aprobado é o seguinte:
<<O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España que faga efectivo o compromiso asumido na declaración pactada na Conferencia de Presidentes celebrada este domingo, 13 de marzo de 2022, e poña en marcha as medidas urxentes necesarias para minimizar as consecuencias socioeconómicas nas empresas e nos cidadáns tras a invasión de Ucraína e, entre elas, as seguintes:
1) Baixada dos impostos que gravan a electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo. En particular:
a) Reducir o Imposto Especial aos Hidrocarburos contemplado no artigo 50 da Lei 38/1992, do 28 de decembro, de Impostos Especiais, aos niveis mínimos de imposición aplicables aos carburantes, apuntados no Anexo I da Directiva 2003/96/CE do Consello do 27 de outubro de 2003, de maneira provisional e en tanto persista a excepcional situación de prezos.
b) Aplicar un tipo impositivo súper reducido do 4% do IVE á subministración de gas natural.
c) Instar á Comisión Europea á modificación da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do Imposto sobre o Valor Engadido, para que contemple a aplicación dun tipo impositivo reducido aos carburantes de automoción, así como a suspensión dos tipos mínimos do Imposto Especial de Hidrocarburos establecidos na 2003/96/CE do Consello, do 27 de outubro de 2003, de maneira provisional e en tanto persista a excepcional situación de prezos.
d) Estender as medidas fiscais adoptadas polo Goberno para mitigar a escalada da factura eléctrica ata o 31 de decembro de 2022 e incrementar a redución temporal do IVE para que pase do actual 10% ao 4%.
e) Xerar, para o sector marítimo-pesqueiro, medidas de análogo impacto ou obxectivo que as reducións impositivas demandadas para o gasóleo e gasolina, amais de demandar unha oposición firme e contundente contra as propostas de eliminación das bonificacións dos combustibles dos buques pesqueiros promovidas no marco da Unión Europea e da Organización Mundial do Comercio.
2) Medidas específicas para os sectores máis afectados: transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería e turismo. Incluída a exención temporal das cotizacións á Seguridade Social para alixeirar a carga que están a padecer estes sectores.
3) Rectificar a política enerxética abrupta que se vén levando a cabo e apostar por unha transición planificada, proporcional e xusta.
4) Reverter o incremento xeneralizado de impostos, descartando a implantación de peaxes nas autovías que suporían novas cargas para as familias e os sectores produtivos esenciais.
5) Impulsar un plan nacional de produtos estratéxicos para garantir a subministración de produtos básicos á poboación e no que se priorice a produción no mercado interior para afondar de maneira máis ordenada posible a carencia de materias primas e compoñentes.
6) Intensificar a flexibilización da normativa de contratación pública vixente, axilizando os procesos de contratación levados a cabo polas administracións públicas evitando trabas e custos desproporcionados.
7) Aplicar unha cogobernanza real dos fondos de recuperación Next Generation coas Comunidades Autónomas e axilizar a súa execución mediante criterios de selección xustos e transparentes, dando prioridade ao impulso de PERTEs que se axusten ás necesidades dos sectores claves para Galicia e a súa posta disposición do tecido produtivo.
8) Aplicar as modificacións dos créditos orzamentarios dos
Orzamentos Xerais do Estado para 2022 que resulten necesarias para reducir gasto improdutivo.
9) Aplicar unha flexibilización temporal das medidas normativas de limitación de importación de materias primas para o sector transformador de produtos do mar (principalmente aceites).
10) Demandar da Unión Europea unha ampliación da flexibilidade interanual das cotas de pesca mediante a realización da distribución de TAC e cotas cara ao ano 2023 ou de adianto das posibilidades de pesca do próximo ano, atendendo á situación de escaso consumo ou caída de capturas e descargas durante este episodio de carestía de combustible.
Así mesmo, o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a analizar, xunto cos sectores máis afectados polas consecuencias da invasión de Ucraína (transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería, turismo ...) e, en coordinación coas políticas que ao efecto se impulsen pola Unión Europea e polo Goberno de España, a poñer en marcha aquelas medidas necesarias, no ámbito das súas competencias, coa finalidade de mitigar a situación pola que atravesan os mencionados sectores. En particular, impulsar e executar as medidas incluídas no plan de choque elaborado pola Xunta de Galicia, en concreto:
1) Activar o Bono Social Térmico para axudar aos fogares en situación de vulnerabilidade a afrontar os gastos de calefacción, auga quente e cociña, o do complemento autonómico de 100 euros aprobado no Consello do pasado xoves, 30 de marzo.
2) Reforzar as medidas activas no plan de aforro enerxético para as familias, solicitando ao goberno fondos para duplicar o impulso do autoconsumo eléctrico e as renovables térmicas nos fogares galegos (calefacción e auga quente).
3) Ampliar o programa Renove Automoción para seguir fomentando a compra de vehículos eficientes.
4) Axudar a pequenas e medianas empresas, cunha nova liña de avais de IGAPE-SGR destinada a cubrir as necesidades de liquidez, e a realizar investimentos en elementos produtivos que axuden a facer fronte á actual situación.
5) Desenvolver un programa de préstamos directos do IGAPE para a industria manufactureira que está a sufrir un maior impacto, así como habilitar os mecanismos necesarios para flexibilizar a devolución dos préstamos e avais directos da Xunta.
6) Activar o Bono Enerxía PEME, dirixido a comercios, hostalería e pequenas e medianas empresas para equipos que reduzan o consumo enerxético.
7) Activar o bono Turístico como efecto dinamizador do consumo interno e axilizar as axudas para a dixitalización e eficiencia enerxética neste ámbito.
8) Inxección extraordinaria para blindar o transporte público por estrada fronte á subida dos carburantes. E traballar na extensión deste compromiso ao sector do transporte sanitario urxente e non urxente, sociosanitario, educativo.
9) Inxectar liquidez ao sector gandeiro pola vía do financiamento de circulante (avais, subsidios de tipo de xuro,...) e do anticipo de axudas da PAC.
10) Crear o Observatorio da cadea alimentaria galega como organismo emisor de informes sobre a situación económica dos diferentes ámbitos do sector primario galego.
11) Crear a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia para dar cumprimento ás obrigas da Lei da cadea alimentaria, singularmente a prohibición da venda a perdas.
12) Poñer en marcha o Observatorio lácteo, onde se escenificará a relación entre os elos desta cadea de valor.
13) Activar as medidas económico-administrativas que sirvan como compensación aos profesionais do mar mediante o pago de dous meses das taxas portuarias que atinxen a esta actividade.
14) Inxectar liquidez no sector do mar mediante a axilización do abono de axudas concedidas, de forma análoga á liña de xestión realizada durante a pandemia provocada pola covid-19.>>
Saúdos, Gabinete de Comunicación.