• Participou, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, na presentación da obra Ricardo Carvalho Calero. Obra literaria: poesía, teatro e narrativa
• Destaca a gran bagaxe de Calero, así como o seu forte compromiso coa historia, cultura e autonomía de Galicia
Santiago, 25 de marzo de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou hoxe, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, na presentación do libro Ricardo Carvalho Calero. Obra literaria: poesía, teatro e narrativa.
O volume compila parte da obra literaria deste escritor nado en Ferrol en outubro de 1910, e a quen se lle dedicou o Día Das Letras Galegas no ano 2020. Santalices Vieira trasladou os seus parabéns aos responsables da edición da obra, Manuel Castelao Mexuto e María Pilar García Negro, e mostroulles o seu agradecemento polo traballo realizado en prol da figura de Carballo Calero.
Calero, sempre comprometido con Galicia
O titular da Cámara galega recordou a traxectoria do intelectual Ricardo Carballo Calero, cuxa persoa considera “de enorme significación para a historia e para a cultura de Galicia”. Primeiro catedrático de Lingüística e Literatura galega da Universidade de Santiago de Compostela, Calero foi tamén membro do Seminario de Estudos Galegos, dende o que realizou diversas aportacións ao anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia.
Santalices loou ese “compromiso inquebrantable de Calero coa autonomía de Galicia” que explica, ao seu xuízo, “que o Parlamento se teña sumado, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, ao patrocinio que fixo posible a edición da obra” que hoxe se presenta.
Apoio dos poderes públicos á cultura galega
O presidente do Parlamento reiterou o seu compromiso coas iniciativas e proxectos que homenaxean e reivindican a historia e a cultura de Galicia. Para Santalices, “é nos ámbitos como o que nos ocupa onde os poderes públicos se deben facer presentes co seu apoio: na edición ou reedición de obras que forman parte indisoluble do noso acervo cultural, pero que resultan de difícil abordaxe para a iniciativa privada por razóns de rendibilidade económica”.
O titular da Cámara galega desexou tamén que “a pandemia que aínda salouca entre nós dea paso á normalidade que tanto arelamos e que tanto necesitamos, tamén no ámbito da nosa cultura e das nosas letras”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.