• A exposición “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia/ 1981-2021” recala en Ourense logo de estar aberta ao público na sede do Lexislativo galego entre decembro e marzo
• A mostra foi comisariada por Ramón Villares Paz, en colaboración con Miguel Anxo Seixas Seoane, Gustavo Hervella García e Xosé Díaz Arias
• A exposición visitará outras cidades galegas, ao tempo que se editará un libro que complemente a mostra
Santiago, 23 de marzo de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidiu esta tarde o acto de inauguración da mostra “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia / 1981-2021”, aberta ao público na sede de Afundación na cidade de Ourense ata o vindeiro 24 de abril. A exposición amosouse previamente no Pazo do Hórreo, sede do Lexislativo galego, entre decembro e marzo.
Santalices amosou o seu agradecemento a Afundación por acoller esta exposición, como ten feito previamente noutros lugares con actividades organizadas polo Parlamento. Expresou tamén a vocación de itinerancia desta mostra, que visitará as restantes cidades galegas. De forma paralela, editarase un libro que fará repaso ás catro décadas de historia autonómica de Galicia.
Sentimento autonomista
Quixo aproveitar o presidente do Parlamento a ocasión, tamén, para reivindicar a vinculación da cidade de Ourense coa Cámara lexislativa galega ao longo dos seus 40 anos de historia, subliñando a achega desta cidade e desta provincia á configuración do sentimento autonomista e da propia identidade galega.
Así, como apuntou Santalices, catro dos sete presidentes do Parlamento “foron e somos ourensáns”, incluído el mesmo. Igualmente, algúns dos persoeiros máis senlleiros da Xeración Nós, á que se referiu como semente de galeguismo, eran tamén ourensáns. Referíase a persoeiros como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo ou Arturo Noguerol. O Parlamento de Galicia xa recoñecera os méritos da Xeración Nós concedéndolle a Medalla da institución en 2021.
A autonomía, unha historia de éxito colectivo
Na súa intervención, Santalices sinalou que estes 40 anos de autonomía son unha historia de éxito colectivo, que se traducen nunha comunidade próspera, cunha elevada calidade de vida e uns servizos públicos satisfactorios; orgullosa de si mesma e os seus sinais de identidade; plenamente integrada na España constitucional e democrática; plenamente inserida, de feito e por dereito, nunha Europa que volve estar á altura das circunstancias, como xa o estivo desde os inicios da pandemia; e orgullosa dos seus vínculos coa Galicia da emigración e co mundo da lusofonía.
Para o presidente do Lexislativo galego, boa parte dos avances postos a disposición das galegas e galegos nas últimas décadas son consecuencia directa da autonomía política que Galicia exerce con responsabilidade desde hai 40 anos, co Parlamento como primeira institución. Deste modo, recordou que nada de canto acontece en Galicia resulta alleo ao seu Parlamento.
O Parlamento, eixe da democracia
Santalices insistiu na importancia do Parlamento como eixe da vida política e recordou que “pode haber goberno sen Parlamento, pero non pode haber democracia sen Parlamento”.
Reforzar o contacto coa xente
Xustificou Santalices a importancia desta mostra, polo elevado descoñecemento que rodea á primeira institución de Galicia, o que obriga a potenciar o contacto coa xente a través dun amplo abano de medidas nas que se integra esta exposición, xunto a outras como as visitas escolares do Parlamento as ferramentas de participación cidadá ou a programación cultural da Cámara.
Entre os recoñecementos recibidos por este esforzo de apertura, Santalices agradeceu especialmente o Premio Celanova Casa dos Poetas, entregado ao Parlamento en 2018.
A mostra inaugurada esta tarde en Ourense, concibida para rememorar as catro décadas de vida do Parlamento de Galicia, foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, exreitor desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Acompañárono nesta nesta tarefa Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.