saltar ao contido

A Medalla do Parlamento de Galicia 2022 recoñecerá a contribución das institucións estatutarias ao afianzamento do autogoberno

 
• As institucións do Valedor do Pobo, Consello de Contas e Consello da Cultura Galega recibirán a máxima distinción que outorga o Parlamento o vindeiro 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia
 
• A concesión da Medalla foi acordada, por unanimidade, pola Mesa da Cámara na reunión celebrada este martes
 
Santiago, 22 de marzo de 2022.- A Medalla do Parlamento de Galicia 2022 será entregada ás institucións estatutarias –Valedor do Pobo, Consello de Contas e Consello da Cultura Galega- para recoñecer a contribución destas entidades “ao afianzamento do autogoberno de Galicia  e con plena lealdade ás restantes institucións da Comunidade Autónoma  e do Estado”. Á concesión é froito dun acordo unánime da Mesa da Cámara, adoptado na reunión celebrada este martes antes do inicio do Pleno.
 
O expediente de concesión recorda que en 2021 se
conmemorou o 40 aniversario da autonomía de Galicia, que pivotou arredor de dous feitos de fondo significado e enorme relevancia xurídica e institucional: a promulgación do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, o 6 de abril de 1981; e a constitución da primeira lexislatura do Parlamento de Galicia,  o 19 de decembro de 1981.
 
Galicia dotouse, así, do seu propio autogoberno que, paseniñamente, foi prevendo á Comunidade Autónoma dun corpus xurídico propio e tamén das súas propias institucións, como a Xunta de Galicia e outras previstas no Estatuto e creadas a través de leis específicas elaboradas e aprobadas polo Parlamento de Galicia.
 
A lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, creou o alto comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, dos  dereitos fundamentais e das liberdades públicas recoñecidos na Constitución, entre outras funcións.
 
A lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas permitiu a posta en marcha do órgano de fiscalización externa das contas e da xestión económico-financeira e contable do sector público da Comunidade Autónoma, ademais de asesorar ao Parlamento de Galicia en materia económico-financeira.
 
A Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, dotou a Galicia dun órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, dotado de personalidade xurídica propia para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.
 
“Desde a súa constitución –sinala o acordo da Mesa da Cámara-, estas institucións, contempladas xa no Estatuto de Autonomía e creadas por cadansúa lei do Parlamento de Galicia, desenvolveron as funcións que lle foron encomendadas, ao tempo que contribuíron de maneira destacada ao afianzamento do autogoberno de Galicia e con plena lealdade ás restantes institucións da Comunidade Autónoma e do Estado.
 
Aniversario do Estatuto
 
Ao igual que nas edicións anteriores, a Medalla do Parlamento de Galicia será entregada do vindeiro 6 de abril, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia.
 
Nas anteriores edicións, a Medalla do Parlamento de Galicia foi entregada aos/as expresidentes/as do Parlamento de Galicia (2016); Comisión dos 16 (autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia) en 2017; Cáritas diocesanas, COGAMI e Aldeas Infantiles SOS (2018); e á emigración galega (entregada aos 14 centros e entidades que integran a Comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes do conxunto da emigración galega de todos os tempos) na edición de 2019;  e as catro únicas fundacións que, a día de hoxe, perpetúan a memoria dos persoeiros constituíntes da Xeración Nós (Fundación Otero Pedrayo, fundación Castelao, Fundación Antón Losada Diéguez e Fundación Vicente Risco) no ano 2021.
 
No ano 2020, a Medalla do Parlamento de Galicia non foi concedida porque a Cámara se atopada disolta na data prevista para o acto de entrega que coincidía, ademais, co confinamento derivado da primeira onda da covid-19.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina