saltar ao contido

Santalices: “Rosalía de Castro activou os resortes que sustentan o noso amor propio, o orgullo de ser galegos”

O Parlamento de Galicia acolleu unha lectura da obra rosaliana a cargo de escolares de Padrón para homenaxear á escritora no aniversario do seu nacemento.
 
Santiago, 23 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá un acto de lectura pública da obra de Rosalía de Castro para honrar á escritora no aniversario do seu nacemento. A declamación correu a cargo de alumnado do CEIP Rosalía de Castro, de Padrón.
 
Na clausura do acto, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, enmarcou a actividade no compromiso da Cámara de articular iniciativas de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e incorporar a figura da autora á programación cultural do lexislativo galego.
 
A sementeira de Rosalía
 
Para Santalices, “Rosalía pode e debe estar sempre presente no Parlamento de Galicia”, a primeira das institucións autonómicas galegas, que vén de celebrar o seu 40 aniversario. “A Galicia das últimas décadas –afirmou- é protagonista dun rexurdimento intenso que se manifesta en todos os ámbitos: no cultural, no lingüístico, no económico ou no político”.
 
Sen embargo, a xuízo do presidente do Parlamento de Galicia  “pouco ou nada diso tería sucedido sen a sementeira principiada por Rosalía de Castro, e por tantas e tantos outros, pero singularmente por Rosalía, que coa súa obra, e mesmo co seu exemplo, activou os resortes que sustentan o noso amor propio; o orgullo de ser galegos, a conciencia de ser donos do noso futuro, saber que temos unha lingua propia, agarimosa e nobre”. “Somos herdeiros de Rosalía e estamos en débeda con ela”, agregou.
 
Galicia, o primeiro
 
Santalices rematou a súa intervención animando aos presentes a asumir como propia unha reflexión que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, Florencio Delgado Gurriarán, dirixiu ás súas amizades no Día de Galicia de 1977: “Galicia é o primeiro. Galicia debe estar por riba de todo no noso corazón, no noso pensamento e nas nosas accións. Este sentimento, sempre vixente, cada vez máis vixente, non se opón –máis ben os reforza- aos vosos ideais sociais e políticos”.
 
O acto contou tamén coa intervención do presidente da Fundación Rosalía de Castro e a asistencia de diferentes personalidades, como integrantes da Mesa da Cámara e dos grupos parlamentarios, o conselleiro de Cultura, a presidenta do Consello da Cultura Galega, a valedora do pobo e o presidente da Real Academia Galega, entre outros.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina