saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia sobre o afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo

 
Con motivo do naufraxio do buque Villa de Pitanxo en Terranova o Parlamento de Galicia quere transmitir o seu máis sentido pésame ás familias e seres queridos dos tripulantes falecidos:
 
Willian Arévalo Pérez
Miguel Lumbres Cumpa
Daniel Fernando More Valladares
Diego Andrés More Vega
Fernando Santomé Ferradás
Juan Antonio Cordero Coro
Rogelio Franco Damazo Cueva
Apaanah Pelungo Zure
Ricardo Alfonso Cruz Flores;

ás familias dos desaparecidos:
 
Raúl González Santiago
Martín Quino Zevallos
Edmon Okutu
Ricardo Arias García
Fernando González Martínez
Michael Tetteh
Francisco de Pazo Villanueva
Francisco Manuel Navarro Rodríguez
Edwin Andrés Córdova Salinas
Jonathan Calderón Ortiz
Pedro Herrera Couso
Juan Martín Frías Riera;

así como o seu alento e o desexo dunha pronta recuperación aos tripulantes superviventes:
 
Juan Padín Costas
Eduardo Rial e
Samuel Kwesi.
 
Ademais, a Cámara quere trasladar a súa solidariedade coa comarca do Morrazo e o seu afecto e recoñecemento ao conxunto da grande familia do mar.
 
Despois de séculos de estreita relación co mar e despois de termos vivido como pobo innumerables traxedias vinculadas a el, nin as comunidades mariñeiras nin Galicia toda somos quen de asimilar a inmensa dor que produce a perda de milleiros de mariñeiros que ao longo da historia nunca volveron da súa marea a terra firme.
Máis unha vez, o pasado martes 15 de febreiro, as frías augas de Terranova xearon tamén e para sempre a vida de 21 persoas, 21 dos 24 mariñeiros que tripulaban o buque galego Villa de Pitanxo, con base en Marín.
 
Uns feitos que, malia ocorrer a centos de millas das nosas costas, non nos resultan alleos ás galegas e aos galegos e que, de novo, nos amosan con enorme dureza os perigos cos que se enfrontan diariamente as persoas que traballan no mar. Un mar que para Galicia  é fonte de vida e que esta vez, como en tantas outras, deixou sen ela os nosos mariñeiros.

O conxunto da cidadanía galega acompañou dende o primeiro momento as familias dos falecidos e desaparecidos na súa dor e hoxe, conscientes de que non hai consolo nin palabras nestas circunstancias, o Parlamento de Galicia súmase a elas neste momento de fonda tristura para o país e ao esforzo de todas as autoridades competentes, dos buques galegos e portugueses que acudiron ao rescate e da empresa armadora para poñer á súa disposición os medios e recursos necesarios para axilizar todos os trámites precisos para que as familias do Villa de Pitanxo poidan comezar o seu dó.
 
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina