A Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 10 de febreiro de 2022, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións
- 28236 (11/PNC-002575)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Calvo Pouso, Diego e 6 máis
Sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno español para que concrete a planificación que ten prevista para a adecuación dos anchos de vía ferroviaria existentes no interior de Galicia
BOPG n.º 264, do 26.01.2022
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a pedir o Goberno español que concrete a planificación que ten prevista para a adecuación dos anchos de vía ferroviaria existentes no interior de Galicia, especialmente para adaptar a conexión entre Ourense e Santiago ao ancho de vía internacional, tendo en conta os beneficios que iso suporía en canto a maior competencia de operadores e para o conxunto de Galicia".
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 11556 (11/PNC-001175)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Castro Rey, Paloma e 2 máis
Sobre a execución polo Goberno galego, no ano 2021, do proxecto de senda peonil e mellora da seguridade viaria da estrada PO-308, nos treitos Fontela-Combarro e Combarro-Chancelas
BOPG n.º 105, do 03.03.2021
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar co traballo que vén desenvolvendo nos últimos anos para mellorar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade peonil na PO-308 ao seu paso polo concello de Poio, nomeadamente nos treitos Combarro-Chancelas-Samieira e Fontenla-Combarro, executando este treito último no ano 2022".