saltar ao contido

Santalices: “A democracia e o autogoberno sentáronlle moi ben a Galicia e á súa xente”

 
• O Parlamento de Galicia celebrou este mediodía unha sesión solemne conmemorativa do seu 40º aniversario na que, ademais do presidente da Cámara, interviñeron representantes dos tres grupos parlamentarios e o presidente da Xunta de Galicia
 
• O presidente do Parlamento reivindica o “diálogo, tolerancia e renuncias persoais” que caracterizaron a transición
 
• “Galicia demostra  o acerto do pacto constitucional e acredita a plena compatibilidade de conceptos como descentralización autonomía e constitución, por exercer o autogoberno con sentidiño, atentos ao sentir da xente e con plena lealdade ás institucións do Estado”, afirma Santalices
 
• Agradece a corrección e predisposición para o acordo das deputadas e deputados galegos, fronte á crispación doutras cámaras
 
Santiago, 19 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia celebrou este mediodía unha sesión solemne conmemorativa co gallo so seu 40º aniversario que contou coas intervencións dos portavoces dos tres grupos parlamentarios e dos presidentes da Xunta e do Parlamento de Galicia.
 
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que o  19 de decembro de 1981, cando se celebrou, no Pazo de Xelmírez, a primeira sesión constitutiva da institución “todo estaba por facer e case nada se daba por sentado”. Reivindicou o éxito da transición á democracia “culminada con éxito por persoas valentes sobre a base do diálogo, a tolerancia e as renuncias persoais”, un proceso que conduciu a España, e con ela a Galicia, “ao selecto club dos países avanzados, e dotounos dun estado de benestar que para si quixeran noutras latitudes, algunhas ben próximas”.
 
Botando a vista atrás, Santalices concluíu que “o tempo transcorrido acredita o acerto daquela aposta” na medida en que “a democracia e o autogoberno sentáronlle moi ben a Galicia e á súa xente, en todos os ámbitos”.
 
Pacto constitucional
 
Para o titular do Lexislativo autonómico, “Galicia demostra con feitos o acerto do pacto constitucional que hoxe reivindicamos de novo”. A experiencia destes 40 anos “acredita a plena compatibilidade de conceptos como descentralización, autonomía e constitución, por exercer o noso autogoberno con sentidiño, atentos ao sentir da nosa xente e con plena lealdade ás restantes institucións do Estado, desde o alcalde do concello máis pequeno ata o xefe do Estado, o Rei Felipe VI”.
 
Neste punto, Santalices agradeceu o esforzo do conxunto da sociedade para “engrandecer Galicia”. “Desde o Parlamento, desde a Xunta, desde a sociedade civil; desde postos con relevancia pública e desde o traballo anónimo e calado. Todas as mans son necesarias e son sempre benvidas”.
 
Escoitar á xente
 
Reivindicou tamén a utilidade das institucións democráticas e dos propios parlamentos  fronte  a calquera intento de devalualos. “Precisamos un Parlamento en contacto permanente coa xente, que escoite a xente, fale como a xente e responda ás necesidades da xente, tamén, e moi especialmente, ás dos que non se senten de todo identificados coas institucións”, afirmou.
 
Referíndose ao papel concreto da Cámara galega, Santalices Vieira parabenizou que “nestes tempos de crispación xeneralizada, o Parlamento de Galicia converteuse nunha illa de estabilidade, de corrección, de respecto ás boas formas”. Por iso, agradeceu ás deputadas e deputados a súa actitude construtiva e a predisposición para o acordo.
 
A xuízo de Santalices, malia as dificultades do momento, “Galicia transita por sendas de progreso e de oportunidades coas que todas e todos, desde as lexítimas discrepancias, debemos comprometernos”.
 
Galicia non atura aldraxes
 
O presidente do Parlamento lembrou que no pasado houbo intentos de “desdebuxar” a autonomía galega”. A Galicia de entón non o permitiu, como tampouco o permitiría agora, de darse o caso. Os principios básicos da autonomía e o autogoberno non son nin poden ser xamais contrapartida política na procura de réditos curtopracistas. Galicia non demanda privilexios, pero tampouco atura aldraxes”, sinalou
Santalices.
 
O acto contou coa actuación musical de Xabier Díaz, desde o Pazo de Xelmírez, e da Real Filharmonía de Galicia desde o Pazo de Fonseca, como lembranza das dúas primeiras sedes provisionais da Cámara e como sinal de agradecemento pola cesión deses espazos por parte do Arcebispado e á Universidade de Santiago, respectivamente. A terceira das actuacións, no vestíbulo do Parlamento, correu a cargo da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, que celebra o seu 100 aniversario. O acto rematou coa interpretación do himno galego a cargo de Uxía Senlle, acompañada por un coro de nenas e nenos do CEIP Petelos (Mos).
 

Saúdos, Gabinete de comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina