saltar ao contido

O Parlamento de Galicia conmemorará o seu 40 aniversario cunha sesión solemne o 19 de decembro

 
• Contará coa intervención dos portavoces dos tres grupos parlamentarios, o presidente do Parlamento e o presidente da Xunta

Santiago, 17 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia celebrará o vindeiro domingo, 19 de decembro, unha sesión solemne para conmemorar o seu 40 aniversario. A sesión contará coa asistencia das deputadas e deputados da Cámara, ao tempo que se cursaron invitacións ás principais autoridades da Comunidade.
 
A sesión comezará ás 12,30 h. e contará coas intervencións dos portavoces dos tres grupos parlamentarios con representación na Cámara galega, do presidente da Xunta e do presidente do Parlamento de Galicia.
 
Durante a sesión, que poderá seguirse en directo a través da web do Parlamento de Galicia e das pantallas da Televisión de Galicia, efectuaranse cadansúa conexión coas dúas sedes provisionais  nas que estivo instalado o Parlamento de Galicia antes de se trasladar ao edificio actual e definitivo, o Pazo do Hórreo.
 
O Parlamento de Galicia constituíuse o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, cedido polo Arcebispado de Santiago e, seis meses despois, pasaría a reunirse no Pazo de Fonseca, cedido pola Universidade de Santiago, onde permanecería ata marzo de 1989.
 
Programación plural
 
A conmemoración do 40 aniversario do Parlamento enmárcase na programación impulsada pola Cámara para recordar os 40 anos da Autonomía de Galega, actividades que botaron a andar o pasado 6 de abril, no aniversario da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía coa entrega das Medallas do Parlamento á Xeración Nós. Xa o 12 de abril celebrouse unha xornada  titulada “Catro décadas de autonomía de Galicia. Retos e oportunidades”, inaugurada polo presidente do Tribunal Constitucional. A esta xornada seguiron outras actividades semellantes con participantes diversos e sempre desde unha óptica de pluralidade.
 
O pasado mércores inaugurouse, no Pazo do Hórreo, a mostra “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021” , comisariada polo historiador Ramón Villares e que fai un percorrido polos dos 40 anos da historia da Cámara galega.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina