saltar ao contido

Acordos da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, celebrada o 11 de novembro de 2021

A  Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 11 de novembro de 2021, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso

 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións
 
- 23860 (11/PNC-002235)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e 7 máis
Sobre a posta en marcha de servizos de conciliación familiar e laboral
BOPG n.º 218, do 28.10.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha Servizos de conciliación en contornas laboráis, contando coa implicación do tecido empresarial e cos concellos, co fin de facilitar a conciliación familiar e laboral".
 
Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 8517 (11/PNC-000897)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e 2 máis
Sobre a adopción polo Goberno galego das medidas necesarias para resolver as carencias e deficiencias detectadas en materia de recursos humanos e materiais no Hospital Psiquiátrico de Conxo
BOPG n.º 82, do 26.01.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias en termos de recursos materiais e humanos para resolver, na maior brevidade posible, as eivas e graves deficiencias detectadas polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura na súa visita ao centro hospitalario de Conxo, para resolver os problemas relacionados co seguimento, vixilancia, ingreso e calidade asistencial das persoas alí ingresadas."
 
- 20961 (11/PNC-001991)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Carreira Pazos, Iria e 2 máis
Sobre as medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia para a eliminación de prexuízos e condutas LGBTfóbicas no ámbito sanitario
BOPG n.º 196, do 08.09.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a:
1º.- Realizar plans de formación máis exhaustivos e atendendo á realidade do colectivo LGBT para todas as categorías profesionais dentro do Sergas, garantindo unha información rigorosa e libre de prexuízos.
2º.- Revisar os plans de saúde aprobados dentro do Sergas, dotándoos dunha perspectiva de xénero e diversidade sexual. Neste sentido, cómpre eliminar as asociacións entre LGBT e ITS e corrixir a clasificación de colectivos de risco cando deberan ser clasificadas as prácticas de risco.
3º.- Realizar campañas divulgativas de educación sexual, sobre todo entre a mocidade, desde unha perspectiva inclusiva e non estigmatizante, que promovan unha mellora na saúde sexual da poboación lonxe de prexuízos e moralismos.
4º.- Realizar todas as actuacións oportunas para garantir a erradicación da LGBTfobia en todas as súas formas dentro do Sergas, prestando atención ás denuncias do colectivo trans [....].”

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina