saltar ao contido

Declaración institucional do Parlamento de Galicia no marco do mes dedicado ás enfermidades reumáticas

 

Con motivo da celebración, durante este mes de outubro de 2021, da xornada dedicada ás enfermidades reumáticas, chegou a esta Presidencia, promovida pola Liga Reumática Galega, unha declaración institucional, asinada por todos os grupos políticos, que paso a ler:
 
Unha de cada catro persoas adultas sofre algunha das 300 enfermidades reumáticas coñecidas. Só en Galicia, máis de medio millón de persoas conviven con estas patoloxías e, por exemplo, no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña prodúcense 4.000 novos diagnósticos cada ano.
 
As enfermidades reumáticas poden chegar a ser moi incapacitantes dende idades moi temperás, como é o caso da artrite reumatoide. Por iso, é necesario concienciar socialmente de que este tipo de patoloxías van en aumento e acabar coa falsa crenza de que van asociadas á vellez. Este é o punto de partida para poder recoñecer os síntomas canto antes e evitar danos permanentes que condicionan a discapacidade.
 
A gran preocupación hoxe é a cronicidade e a comorbilidade que comportan estas enfermidades. Os pacientes requiren, en moitas ocasións, unha abordaxe socio-sanitaria. E para poder dar unha resposta eficiente a Xunta de Galicia ten que buscar alianzas sociais e destinar o orzamento e o persoal suficientes  para cambiar o modelo de atención e garantir que esta se faga en tempo e forma.
 
As enfermidades reumáticas provocan dor, cansazo, tumefacción ou inchazón das articulacións, e limitacións da mobilidade; sintomatoloxía frecuente entre a poboación xeral: unha de cada catro persoas ten ou terá algún destes síntomas nalgún momento da súa vida.
 
Os nenos e adolescentes tamén sofren patoloxías reumáticas. De feito, a artrite idiopática xuvenil afecta a 1 de cada 1.000 nenos e é, xunto coa diabetes e despois da asma, a enfermidade crónica máis prevalecente na infancia. Esta inflamación crónica pode chegar a ocasionar unha deterioración funcional irreversible que impacta na vida do neno, provocando, entre outras cousas, absentismo escolar e dificultando a súa integración social. Ademais, é necesario lembrar que unha porcentaxe importante do bullying que se produce nos colexios adoita ter como obxectivos nenos e nenas con discapacidade.
 
As enfermidades reumáticas e musculoesqueléticas (EReMEs) constitúen a primeira causa de incapacidade permanente no noso país. A artrose ocasiona un 52 % de IP, mentres que a artrite reumatoide e a espondilite anquilosante ocasionan un 2,2 % e un 1,3 % de IP, respectivamente. Ademais, son a primeira causa de incapacidade temporal en Galicia. En 2010 supuxeron un gasto próximo aos 1.678 millóns de euros en incapacidades laborais temporais, dos cales 433 millóns foron sufragados polas propias empresas.
 
As asociacións de pacientes teñen contacto directo coas persoas doentes, e están focalizadas en patoloxías específicas que precisan diferentes vías de actuación. Estar en contacto con persoas coas mesmas doenzas e necesidades supón un apoio importante para os pacientes. Por todo iso, estes colectivos solicitan aos representantes políticos que consideren o impacto das EReMEs na nosa comunidade, porque afectan o sistema sanitario, social e produtivo do país, petición que acollen como propia as deputadas e deputados desta Cámara.
 
O Parlamento de Galicia reitera o seu compromiso cos dereitos e necesidades das persoas que sofren estas enfermidades. Manter a raia as EReMEs é un compromiso de todas e todos.
 
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina