saltar ao contido

Declaración institucional perante as afirmacións contidas nunha resolución xudicial do Xulgado de Primeira instancia de Marbella, na que se denomina "Galicia profunda" unha vila galega

 
Perante as afirmacións contidas nunha resolución xudicial do Xulgado de Primeira instancia de Marbella, na que se denomina Galicia profunda unha vila galega e se atribúen limitacións á felicidade e ao desenvolvemento integral dunha persoa por vivir nela, o Parlamento de Galicia manifesta as seguintes consideracións:
 
Primeira. Non corresponde a esta Cámara pronunciarse sobre o fondo da cuestión, que, en todo caso, debe priorizar o interese superior do menor.
 
Segunda. Manifestamos o noso máis profundo rexeitamento á utilización da expresión Galicia profunda cara a calquera aldea, parroquia, vila, comarca ou cidade galegas. Este cualificativo implica unha valoración pexorativa e inxustificadamente negativa do país, que resulta inadmisible en calquera contexto, máis aínda nunha resolución xudicial.
 
Terceira. Afirmacións desta índole amosan un profundo descoñecemento da realidade de Galicia e do pobo galego e evidencian enormes prexuízos e estereotipos que nada teñen que ver con este país, no que concorren todas as condicións para un pleno e integral desenvolvemento das persoas. Resulta sorprendente e rexeitable que estes estereotipos aínda atopen eco, como ocorre neste caso.
 
Cuarta. Calquera aldea, vila ou cidade galegas son aptas para o desenvolvemento dunha nena ou un neno. Por esta razón, as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia queremos reafirmar o noso orgullo como galegas e galegos e así o expresamos con esta declaración institucional, que é, tamén, un acto de dignidade colectiva.
 
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina