• O presidente do Parlamento de Galicia participou en León nunha mesa redonda sobre ”Os parlamentos autonómicos, actores clave ante o reto demográfico” canda o seu homólogo de Castela e León e a vicepresidenta do lexislativo de Cantabria
• Reclama converter o reto demográfico nun asunto de Estado e fraguar “consensos de amplo espectro” para abórdalo
• Recordou a recente aprobación da Lei de impulso demográfico, que converteu a Galicia na primeira Comunidade en elevar a rango de lei esta cuestión
Santiago, 21 de outubro de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reclamou hoxe unha “potente estratexia de ámbito estatal na que podan inserirse as diferentes liñas impulsadas polas Comunidades Autónomas” para facer fronte ao reto demográfico, un dos grandes desafíos da España do século XXI.
Para o titular do Lexislativo galego, o reto demográfico e a despoboación do medio rural constitúen unha “pandemia social que necesita unha vacina con urxencia, e tamén medidas terapéuticas”.
Abundando neste argumento, reclamou que o futuro modelo de financiamento autonómico teña en conta as necesidades específicas das comunidades afectadas pola despoboación e o envellecemento, de maneira que se financien os dereitos e necesidades das persoas, e non só os territorios.
Para acadar unha maior implicación das institucións europeas e facerlles entender esta realidade, que desde Bruxelas se olla como algo distante, o presidente do Parlamento de Galicia propuxo dotar de maior protagonismo ás cámaras lexislativas rexionais.
Santalices Vieira trasladou estas reflexións este mediodía, nunha mesa redonda organizada polo Diario de León baixo o título “Os parlamentos autonómicos, actores clave ante o reto demográfico, na que compartiu palestra co seu homólogo das Cortes de Castela e León, Luis Fuentes; e a vicepresidenta primeira do Parlamento de Cantabria, María Emilia Aguirre.
O presidente da Cámara galega subliñou a “imperiosa necesidade de fraguar consensos de amplo espectro político nos asuntos de Estado”, incluíndo entre eles o devalo demográfico.
“Indolencia desde os depachos madrileños”
Advertiu Santalices que o reto demográfico é especialmente preocupante na denominada “España baleirada”, unha realidade que precisa un enfoque específico, que fuxa da visión urbanita do territorio. Decisións como a recente “hiperprotección do lobo, que atenta abertamente contra o sustento de milleiros de gandeiros” ou o peche de oficinas bancarias no medio rural, “poñen de manifesto a indolencia coa que esta realidade á observada desde determinados despachos madrileños”.
Paralelamente, o presidente do Parlamento de Galicia apuntou que a recente pandemia provocou unha visión máis crítica da vida na cidade e incrementou o interese por outras formas de asentamento humano, máis en contacto coa natureza, con espazos e abertos e vivendas a prezos máis razoables.
Ao tempo, o debate sobre a atención ás persoas de idade avanzada decántase por un novo modelo, que prima a permanencia das persoas na súa contorna habitual e, chegado o caso, en residencias de dimensións máis reducidas que as actuais. Iso ofrece unha oportunidade para fixar poboación no medio rural, convertendo a atención á terceira idade nunha fonte de riqueza e traballo para a poboación local.
Outras realidades, como o teletraballo, tamén constitúen unha oportunidade, en opinión de Santalices, para frear a despoboación das comarcas interiores. “Non cabe agardar, un éxodo inmediato das cidades ao campo, pero si existen posibilidades reais, por primeira vez en moito tempo, de frear a tendencia iniciada décadas atrás”, agregou.
Lei de impulso demográfico
No encontro, moderado polo director do Diario de León, Joaquín Torné, Santalices recordou que a cuestión demográfica é un asunto recorrente na Cámara galega. Citou, entre outras medidas, a recente aprobación da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico, que converteu a Galicia na primeira Comunidade en elevar a rango de lei esta cuestión.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.