saltar ao contido

Acordos da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o 5 de outubro de 2021


A  Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 5 de outubro de 2021, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 2471 (11/PNC-000259)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Torrado Quintela, Julio e 2 máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego co fin de posibilitar a reversión aos concellos da titularidade dos terreos portuarios, cando o seu uso para fins relacionados co porto sexa residual ou inexistente e sexan susceptibles de utilización municipal
BOPG n.º 23, do 30.09.2020
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a axilizar os trámites necesarios para facilitar a reversión aos concellos dos terreos de titularidade portuaria autonómica que son actualmente de uso portuario residual ou inexistente, dando continuidade ao acordo instado polo Parlamento de Galicia e a Fegamp, informando favorablemente en todos os casos que sexa posible e non repercutindo ningún custe extra para os concellos.”
 
Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 21291 (11/PNC-002024)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre a demanda por parte da Xunta de Galicia ao Goberno de España de censurar diante da Unión Europea o comportamento dos gobernos de Noruega, Islandia e Illas Feroe na asignación de cota de cabala ("Scomber scombrus") e a exixencia da adopción de medidas de sanción fronte a Noruega, Islandia e Illas Feroe ante esta decisión unilateral
BOPG n.º 198, do 15.09.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para censurar diante da UE o comportamento dos Gobernos de Noruega, Islandia e Illas Feroe na asignación de cota de cabala, así como para esixirlle que se adopten medidas equivalentes de sanción fronte a Noruega, Islandia e Illas Feroe ante esta decisión unilateral”.
 
- 21853 (11/PNC-002071)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pérez Fernández, Rosana e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación cos cursos de formación dirixidos ás persoas traballadoras do mar
BOPG n.º 202, do 22.09.2021
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a demandar do goberno do Estado:

- Garantir os cursos de mantemento da competencia para a renovación ou obtención do certificado de suficiencia e da formación sanitaria, ofertando as prazas suficientes para atender a demanda en centros públicos.
- Aprobar unha nova prórroga para as persoas que se tiveran interesado en asistir á formación e non puideran realizala por non existir oferta pública ou pola cancelación do curso que pretendían realizar.
- Aumentar a oferta e mellorar a xestión dos cursos que oferta o ISM, retomando a contratación directa dos mesmos.
- Facilitar a compatibilización do acceso á formación coa continuidade da actividade laboral dos traballadores do mar.”

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina