A Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na súa sesión do 1 de outubro de 2021, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 21206 (11/PNC-002012)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Rivas Cruz, Xosé Luís e 2 máis
Sobre o establecemento por parte da Xunta de Galicia de axudas á gandaría extensiva de montaña, de estratexias de mercado respecto da comercialización dos seus produtos e de compensacións pola coexistencia cos grandes carnívoros
BOPG n.º 198, do 15.09.2021
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
1.- Ampliar razoablemente o prazo de xustificación das axudas dende que se comunica a aprobación da axuda ata que se presenta a conta xustificativa co gasto.
2.- Estudar xunto cos propietarios de greas ou cos seus lexítimos representantes, estratexias para una comercialización da carne do poldro que ofreza presos razoables e economicamente rendibles.
3.- Elaborar medidas de apoio e estratexias de mercado a respecto da comercialización da carne de vacún en extensivo.
4.- Establecer una liña específica de axudas dentro do eco esquema de pastoreo extensivo do plan estratéxico galego para o novo PDR 2021-2027 que estableza un pago compensatorio polos servizos ambientais que prestan e outro pago polo servizo de mantemento e coexistencia cos grandes carnívoros (oso e lobo)."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 21532 (11/PNC-002037)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Vega Pérez, Daniel e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para poñer á disposición das explotacións gandeiras galegas o servizo de seme sexado de Xenética Fontao
BOPG n.º 202, do 22.09.2021
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a poñer a disposición das explotacións gandeiras galegas o Servizo de seme sexado de Xenética Fontao o antes posible."