A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 16 de setembro de 2021, adoptou os seguintes acordos:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación con modificacións
- 17246 (11/PNC-001755)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para incrementar a achega autonómica para o servizo de axuda no fogar e reclamar ao Goberno central un aumento do financiamento á dependencia
BOPG n.º 158, do 23.06.2021
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, por 10 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1.- O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a incrementar a achega autonómica aos concellos para o sostemento do Servizo de Axuda no Fogar, no que Galicia é líder nacional, e a reclamar ao Goberno central que aumente a participación estatal no financiamento á dependencia para garantir a sustentabilidade do sistema.
2.- Reclamar do Goberno español a débeda acumulada con Galicia en materia de dependencia polos reiterados incumprimentos no financiamento do SAAD dende 2006.
3.- Impulsar no seo da FEGAMP a inclusión de cláusulas sociais e de igualdade nos pregos de licitación do SAF co obxectivo de garantir que empresas sobre as que recaían condenas xudiciais firmes por vulneracións dos dereitos laborais das persoas traballadoras non poidan concorrer a novos procesos."
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 14256 (11/PNC-001453)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e Rodil Fernández, Olalla
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central da cesión do edificio que viña ocupando o antigo centro de saúde da Estrada para a posta en marcha dun centro de día
BOPG n.º 126, do 21.04.2021
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España (Ministerio de Traballo e Economía Social) para que proceda á cesión a favor do Concello da Estrada das instalación do antigo centro de saúde desta localidade, coa finalidade de emprazar neste inmoble un centro de día, coas prazas suficientes para atender toda a demanda existente, e se o espazo o permite outros usos sociais."
- 17598 (11/PNC-001802)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Rodil Fernández, Olalla e 2 máis
Sobre os permisos de maternidade e paternidade nas familias monoparentais e as medidas que debe impulsar a Xunta de Galicia ao respecto
BOPG n.º 162, do 29.06.2021
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno español para que modifique a redacción actual do artigo 48 do Estatuto dos traballadores e inclúa o recoñecemento do dereito das familias monoparentais a ampliar ate as 32 semanas o permiso por nacemento e coidado de fillas e fillos, permitíndolles, pois, exercer o dereito a alongar as semanas que lle corresponderían de haber outra persoa proxenitora, podendo exercer este dereito de xeito ininterrompido ou por períodos semanais, dentro dos 12 meses de crianza.
- 20172 (11/PNC-001920)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Otero Lago, Noelia e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para acoller a poboación afgá, especialmente feminina, que precisa fuxir da represión dos talibáns
BOPG n.º 191, do 25.08.2021
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
1. Seguir colaborando na acollida de refuxiadas e refuxiados afgáns ante o risco para as súas vidas polo regreso dos talibáns ao poder.
2. Facer un acompañamento ás e aos refuxiados acollidos na nosa comunidade recollendo datos dos seus familiares para impulsar un reagrupamento.
3. Habilitar todos os mecanismos de carácter social para favorecer a integración destas persoas no noso territorio.
4. O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que demande do Goberno español:
Que contribúa a un programa efectivo de axuda humanitaria, e destine os recursos precisos para auxiliar, rescatar e acoller ás persoas refuxiadas e poña en marcha as actuación precisas para esixir o mesmo da Unión Europea.
Que realice todas actuacións precisas para que os estados membros da UE acepten as solicitudes de asilo sen aplicar criterios de selección restritivos e asegure vías seguras e lagais para o desprazamento das persoas que precisan protección internacional."
Aprobación por unanimidade sen modificacións
- 17248 (11/PNC-001756)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e 6 máis
Sobre a dación de conta por parte da Xunta de Galicia do informe sobre o diagnóstico das residencias de maiores que elabora o Comité Asesor Sociosanitario
BOPG n.º 158, do 23.06.2021
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
O texto aprobado é o seguinte:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dar conta do informe sobre o diagnóstico das residencias de maiores que elabora o Comité Asesor Sociosanitario para identificar as fraquezas, as fortalezas e as propostas de mellora que permitirán avanzar cara un novo modelo residencial”.