saltar ao contido

Santalices participa en Lalín na conmemoración do 25 aniversario do falecemento de Laxeiro, ”artista universal”

• Lembra que Laxeiro compatibilizou sempre o seu cosmopolitismo coa súa condición de galego, “con Lalín e Vigo como referencias permanentes”

Santiago, 21 de xullo de 2021. O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mércores nos actos organizados en Lalín con ocasión do 25 aniversario do falecemento de José Otero Abeledo, Laxeiro, que se desenvolveron no Museo Municipal Ramón María Aller Ulloa e no cemiterio de Romea, onde foi sepultado o artista homenaxeado.

Santalices felicitou ao alcalde lalinense por esta conmemoración, que “reforza o protagonismo de Lalín como referencia imprescindible para a arte galega contemporánea: por ser berce de grandes artistas, mais tamén por honrar e perpetuar a súa memoria, e por divulgar a súa obra”. Parebenizou tamén á Real Academia Galega de Belas Artes por dedicar a Otero Abeledo o Día das Artes Galegas 2022.

Para o presidente do Parlamento de Galicia, “a obra de Laxeiro transcende abertamente as fronteiras ibéricas”. Agregou que Laxeiro era unha persoa e un artista “paradigmático, honesto consigo mesmo , adiantado ao seu tempo , cosmopolita e de mentalidade aberta, como corresponde aos grandes creadores”.

Sen embargo, ese cosmopolitismo non le impediu a Laxeiro facer gala, en todo momento, da súa condición de galego “con Lalín e Vigo como referencias permanentes , e co galeguismo como ideario persoal”.

Etapa arxentina

Na súa intervención, o presidente do Parlamento recordou a etapa arxentina de Laxeiro, “dúas décadas de traballo fecundo, experimentación e contacto coas vangardas artísticas e contacto fluído coa intelectualidade, entre os que coidou especialmente a relación co exilio galego”.

Laxeiro no Parlamento

Recordou Santalices que a colección de arte do Parlamento de Galicia conta con varias obras de Laxeiro, entre as que destacou as vidreiras que o artista elaborou especificamente para a sede do poder lexislativo galego. “Unha razón de peso, sen dúbida, para participar nunha visita guiada ao Parlamento de Galicia”, subliñou o titular da Cámara.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina