• O presidente do Parlamento de Galicia participou no acto conmemorativo do centenario da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, celebrado hoxe no Pazo de Salcedo
• O Pazo do Hórreo, actual sede do Lexislativo galego, foi tamén a primeira sede da Misión Biolóxica de Galicia, entre 1921 e 1927, ata ser desaloxada de Santiago durante a ditadura de Primo de Rivera
Santiago, 15 de xullo de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía en Salcedo (Pontevedra) no acto institucional conmemorativo do primeiro centenario da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, que tivo a súa primeira sede no Pazo do Hórreo, que arestora alberga o Lexislativo galego.
A cita lembrou a orixe e as achegas da Misión Biolóxica á sociedade galega ao longo deste século. Na súa intervención, previa á clausura do encontro, Santalices destacou a necesidade destas celebracións “nunha sociedade como a nosa, tan dada a esquecer o seu pasado, e moi particularmente os feitos gloriosos que abundan na nosa historia”.
Os primeiros pasos da Misión Biolóxica de Galicia
A presenza do presidente do Parlamento de Galicia no Pazo de Salcedo débese, como el mesmo recordou, á ligazón do Pazo do Hórreo –actual sede do Parlamento galego– coa Misión Biolóxica de Galicia. O edificio, que operaba como Escola de Veterinaria desde 1915, prestaba tamén as súas instalacións á primeira sede deste proxecto científico, concretamente “entre mediados de 1921 e comezos de 1927”.
Santalices explicou que a iniciativa botara a andar “como unha institución practicamente unipersoal” encarnada na figura de Cruz Gallástegui. O célebre científico amosou unha entrega absoluta ao laboratorio, asistido por un único axudante e “cunha dedicación plena que rozaba a obsesión”, apuntou o presidente.
Gallástegui, cunha sólida formación internacional en xenética, desenvolveu o seu labor científico nos laboratorios do Hórreo e nunha pequena leira de apenas media hectárea ao seu carón. Esta modesta infraestrutura converteuse “na primeira de España e a segunda de Europa en traballar na hibridación de cereais”, ámbito onde o xenetista rexistrou un dos seus principais logros desta singradura científica.
O millo híbrido producido polo investigador serve, sinalou Santalices, como boa proba da rapidez das investigacións científicas en ofrecer resultados prácticos. “Sucedeu tamén, como todos sabemos, coas vacinas contra a Covid-19, desenvolvidas nun tempo récord e que se están a administrar co notable eficacia para previr a propagación da enfermidade”, exemplificou.
Xa que logo, o millo híbrido supuxo “un avance sen precedentes nunha Galicia deficitaria de millo”, un fito científico que permitiu “duplicar e ás veces case triplicar a produción media por hectárea dedicada ao cultivo de millo”, narrou o xefe do Lexislativo galego. Tal fazaña científica, contou Santalices, valeulle a Gallástegui o sobrenome de “mago das espigas” entre a poboación labrega.
Lamentou Santalices o traslado da sede ao Pazo Provincial de Pontevedra en 1927 debido ao desaloxo durante a ditadura de Primo de Rivera: “Xa se sabe que dunha ditadura nada bo pode agardarse”. Foi alí, á beira do Lérez, onde a Misión Biolóxica encontrou, en 1928, a súa sede definitiva, no Pazo de Salcedo.
O acto conmemorativo do primeiro centenario da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC na súa actual sede contou coa participación, entre outras personalidades, da directora da Misión Biolóxica de Galicia, Elena Cartea; a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Ánxo Fernández Lores.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.