saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 14 de xullo de 2021


 
7.1 10806 (11/PNP-001064)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 8 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central da encomenda da construción dun buque de acción marítima para a Armada Española nos estaleiros de Navantia, na ría de Ferrol
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 101, do 24.02.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1.- Esixir do Goberno do Estado a encargar aos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun BAM (Buque de Acción Marítima) para a Armada Española, que permita dotar de carga de traballo inmediata á ría de Ferrol, tanto para a plantilla principal como para a industria auxiliar.
 
2.- Instar á Xunta de Galicia a que demande a todas as administracións públicas, especialmente ao Goberno de España, a firma dun Pacto de Estado por Ferrol que dea unha resposta conxunta aos problemas da comarca, protexa o emprego e o tecido industrial e garanta un futuro para Ferrol, Eume e Ortegal". 
7.4 17460 (11/PNP-001713)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pontón Mondelo, Ana e 18 máis
Sobre a demanda por parte da Xunta de Galicia ao Goberno central da intervención pública da factoría de Alcoa, en San Cibrao
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 158, do 23.06.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento Galego insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Demandar do Goberno central a intervención pública na factoría de Alcoa en San Cibrao, inicialmente de forma transitoria e a través da SEPI , coa fin de asegurar o mantemento do emprego e da actividade industrial e facilitar a súa posterior venda a un inversor privado que garanta un proxecto industrial viable. 
2. Demandar a súa participación e a do Goberno central no proceso de intervención desta factoría.”
 
7.5 17614 (11/PNP-001730)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pontón Mondelo, Ana e 18 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para condicionar a nova concesión portuaria das instalacións do antigo Vulcano ao seu uso para actividade de construción ou reparación naval
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 162, do 29.06.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Posicionarse, e votar, no Consello de Administración do Porto de Vigo, que o concurso para a concesión portuaria do antigo estaleiro Vulcano estea condicionado ao uso para a actividade de construción e reparación naval.
 
2. Instar á Autoridade Portuaria de Vigo a permitir o uso da lámina de auga, mentres o concurso non se resolva, a Estaleiros San Enrique para que poida continuar a súa actividade e que o persoal que está no paro, poida reincorporarse ao seu posto de traballo”.
 
7.6 17662 (11/PNP-001733)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro e 14 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno central da retirada do recurso interposto ante o Tribunal Constitucional respecto da reforma da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 162, do 29.06.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que solicite do Goberno de España a retirada do recurso interposto ante o Tribunal Constitucional respecto da reforma da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia e da petición de suspensión de vixencia do precepto impugnado, segundo o previsto no artigo 161.2 da Constitución Española, por supoñer un agravio comparativo ante a situación xerada pola convalidación por parte do Parlament de Illes Balears dun decreto lei con contidos idénticos aos que motivaron o escrito de recurso do Goberno central contra a Lei galega, e que teñen levado a que a súa aplicación se manteña suspendida en Galicia mentres se manteñen con plena vixencia noutra comunidade autónoma sen que o Goberno de España teña adoptado medida algunha ao respecto.”
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina