saltar ao contido

Santalices participa nunha homenaxe a Emilia Pardo Bazán organizada polas asociacións galegas de Madrid

• O presidente do Parlamento reivindica a figura da escritora, “adiantada ao seu tempo”  e agradece o labor do asociacionismo galego en Madrid, “os mellores embaixadores que ten Galicia”
 
Santiago, 24 de xuño de 201.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá na homenaxe que as diferentes asociacións galegas de Madrid tributaron á escritora Emilia Pardo Bazán, coincidindo coa celebración do primeiro centenario do seu falecemento. O acto incluíu unha ofrenda floral na Basílica da Concepción, onde repousan os restos da escritora.
 
Nunha breve intervención, o titular do Lexislativo autonómico gabou a actividade que desenvolven as diferentes entidades e organizacións que agrupan ás galegas e galegos asentados en Madrid, aos que felicitou por tributar esta homenaxe a unha galega universal, e tamén “madrigalega”, en referencia a Emilia Pardo Bazán.
 
Para Santalices, os integrantes do asociacionismo galego constitúen “os mellores embaixadores que ten Galicia” en permanente efervescencia e sempre dispostos a axudar aos seus paisanos.
 
Santalices reivindicou o perfil de Pardo Bazán, “unha muller adiantada ao seu tempo” que, hai máis de un século plantexou cuestións que arestora se manteñen plenamente vixentes, como a igualdade do home e da muller ou a necesidade de que as mulleres puidesen acceder a unha educación de calidade.
 
O Parlamento de Galicia sumarase á conmemoración do centenario de Pardo Bazán patrocinando, canda a Real Academia Galega, unha edición monográfica, en galego, do principal ensaio feminista da autora: “La educación del hombre y de la mujer”, publicado en Nuevo Teatro Crítico en 1892, pero nunca editado de maneira independente.
A ofrenda floral enmárcase nas actividades programadas co gallo da Semana Xacobeo 21 en Madrid que se celebra desde o 19 de xuño.
 
Participaron nesta actividades representantes das diferentes entidades galegas de Madrid, como a Orde da Vieira, o Centro Galego de Madrid, o Club de Periodistas Galegos de Madrid ou a Asociación de Amigos do Camiño, entre outras, así como do Concello de Madrid. E tamén personalidades como o académico Darío Villanueva, ou xurista e diplomático Marcelino Oreja.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina