saltar ao contido

O Consello Económico e Social entrega ao presidente do Parlamento a proposta dos CES atlánticos europeos para a revisión da rede transeuropea de transportes

 

• O organismo consultivo destaca 8 prioridades elaboradas en colaboración cos seus socios españois e franceses na Rede  Transnacional Atlántica

• Os CES atlánticos resaltan a importancia do cumprimento dos prazos de finalización das redes básica (2030) e global (2050)

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021.- O presidente do  Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, entregou esta mañá ao titular do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Veira, o informe “Cara a unha revisión da TEN- T para o espazo atlántico”, un documento que recolle as propostas e prioridades xerais deste organismo consultivo e os seus socios da Rede  Transnacional Atlántica (RTA) para as futuras orientacións da Rede  Transeuropea de Transportes (TEN- T).

O obxecto da reunión foi trasladar o posicionamento dos CES españois e franceses do Arco Atlántico sobre a revisión do futuro sistema de transporte continental ao presidente do Parlamento para que o faga chegar aos grupos da Cámara e difundir ese acordo para posicionar á sociedade civil en relación coa necesidade de potenciar esas infraestruturas.

Para a  RTA, que representa a partes interesadas da sociedade civil atlántica, a próxima revisión do TEN- T debe incluír unha interconexión entre as redes básica e global que garanta a accesibilidade a todos os territorios, especialmente ás rexións periféricas e rurais da UE. O desenvolvemento económico e social destas rexións depende en gran medida da calidade da infraestrutura de transporte. Así, a rede básica, composta por nove corredores  multimodais, é un instrumento estratéxico para facilitar a execución coordinada dos proxectos da rede global.

Esta contribución destaca as 8 prioridades xerais dos membros da  RTA para as futuras orientacións da TEN- T:

 

• A finalización das redes conforme aos prazos establecidos o 2030 e o 2050;
• A dimensión internacional da TEN- T, en particular no contexto do Brexit;
• A achega de solucións para os problemas de accesibilidade, elos inexistentes e pescozos de botella na costa Atlántica-Mancha;
• A impulsión das transicións enerxética e dixital da TEN- T;
• O reequilibrio modal e  multimodal do transporte;
• O rol estratéxico do transporte ferroviario e marítimo;
• O rol do transporte ante a eventualidade de crise na UE;
• O apoio financeiro adecuado.

Coa presentación desta nota de posición previa á publicación pola Comisión Europea da súa proposta lexislativa no outono 2021, a  RTA convida as institucións europeas, actores nacionais e rexionais, a tomar en conta as características específicas das rexións atlánticas da UE nas futuras negociacións que se abrirán neste ano 2021, para reforzar unha “TEN- T adaptada ao futuro”.

Esta iniciativa arrincou en 2018 cando, prolongando o seu traballo anterior, os membros da  RTA decidiron participar no proceso de revisión da Rede  Transeuropea de Transporte (TEN- T) co fin de achegar a súa análise sobre os temas económicos, sociais e ambientais que competen ás rexións da fachada atlántica europea e de formular propostas concretas, en particular respecto ao corredor atlántico.

Despois deste informe, os membros da  RTA proseguirán os traballos sobre a Rede  Transeuropea de Transporte e o corredor atlántico no curso de 2021.

Plataforma de cooperación

A Rede  Transnacional Atlántica (RTA) é unha plataforma de cooperación da sociedade civil dentro do Espazo Atlántico. Constituíuse oficialmente o 19 de setembro de 2003 no transcurso da primeira sesión do seu órgano plenario, o Comité de Orientacións.

Esta rede  transnacional está composta polos Consellos Económicos e Sociais das rexións do espazo atlántico, ou por organismos rexionais análogos para o caso das rexións atlánticas que non contan con este tipo de institucións.

A  RTA ten como principal obxecto o desenvolvemento da cooperación entre os socios profesionais representantes da sociedade civil no Espazo Atlántico, coa finalidade de influír sobre as políticas europeas con incidencia sobre a fachada atlántica.

A Rede  Transnacional Atlántica está integrada polos Consellos Económicos e Sociais do País Vasco, Andalucía, Galicia, Canarias, Estremadura, Castela e León;  Nouvelle  Aquitaine, Países do Loira, Bretaña,  Normandía, e Centre- Val de  Loire; o Foro  Oceano de Portugal.

Saúdos, Gabinete de Comunicación


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina