saltar ao contido

Acordo da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, celebrada o 20 de maio de 2021

A Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, na súa sesión do 20 de maio de 2021, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 

Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 2672 (11/PNC-000287)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Castro Rey, Paloma e 2 máis
Sobre a asunción polo Goberno galego das competencias que lle corresponden en materia de sanidade e a iniciación do proceso de xestión e financiamento íntegro da Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra
BOPG n.º 27, do 07.10.2020
 
Sométese a votación a emenda do G. P. Popular de Galicia doc. núm. 16319 e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a acordar coa Fegamp o mecanismo para iniciar o procedemento de incorporar ao Sergas os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos dependentes das administracións locais, en concreto os relativos á Unidade de Atención á Drogodependencia de Pontevedra, para ordenar a atención e que dependa do organismo competente en asistencia sanitaria, que é a Administración autonómica."
 
 
Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 2479 (11/PNC-000260)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e Queixas Zas, Mercedes
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para garantir os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes nos centros sanitarios dependentes da Consellería de Sanidade
BOPG n.º 23, do 30.09.2020
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta a:
 
1.- Normalizar a presenza do galego nos centros sanitarios: sinaléctica, cartelaría, documentación interna e na relación cos doentes.
 
2.- Garantir a existencia de exemplares en galego de calquera documentación que se lle teña que facilitar aos doentes ou que teñan que asinar.
 
3.- Realizar todas as actuacións formativas precisas tanto para que os profesionais teñan a competencia lingüística precisa para atender aos doentes no noso idioma como para que coñezan os dereitos lingüísticos que os asisten."


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina