saltar ao contido

O Parlamento de Galicia persónase en defensa da constitucionalidade da lei de racionalización do gasto farmacéutico

O Parlamento de Galicia persónase en defensa da constitucionalidade da lei de racionalización do gasto farmacéutico
 
• O documento xa foi rexistrado no Tribunal Constitucional  e pide o levantamento da suspensión da norma por entender que é plenamente constitucional
 
• Os servizos xurídicos da Cámara argumentan que o catálogo priorizado de fármacos non invade competencia estatal algunha e garante a prescrición de calquera medicamento
 
• A propia normativa estatal (Lei 29/2006) establece a “necesidade de que se adopten políticas de racionalización do gasto farmacéutico”

Santiago, 1 de abril de 2011.- O Parlamento de Galicia personouse en defensa da constitucionalidade da Lei 12/2010, de racionalización do gasto na prestación farmacéutica da Comunidade Autónoma de Galicia, recurrida polo Goberno central ante o Tribunal Constitucional.
 
As alegacións elaboradas polos servizos xurídicos da Cámara galega xa foron rexistradas na sede do Tribunal Constitucional e piden o levantamento da suspensión da norma recorrida, por entender que os preceptos impugnados “son plenamente respectuosos coa Constitución e coa distribución de competencias que se establece na mesma e no Estatuto de Autonomía”.
 
Como xa fixera previamente en defensa da lei de Caixas (que o TC avalou na súa maior parte), os servizos xurídicos persónanse en defensa do espazo competencial e lexislativo que ten encomendado o Parlamento de Galicia e por entender que “non existe contradicción” entre o catálogo priorizado de fármacos e o ordenamento estatal en vigor. 
 
Garántese o financiamento de todos os medicamentos
 
Ao longo de preto de medio centenar de páxinas, os  servizos xurídicos do Parlamento de Galicia alegan ante o TC que a lei de racionalización do gasto farmacéutico abrangue todos os medicamentos integrados na carteira de servizos comúns dos Sistema Nacional de Saúde, sen afectar ao modelo de financiamento público de fármacos nin ao sistema de prezos de referencia.
 
“Todos os medicamentos financiables polo SNS o son tamén na nosa Comunidade e mantense unha igualdade efectiva real nas prestacións farmacéuticas”, alega o documento.
 
Protocolo para casuísticas particulares
 
Abundando nesta idea, as alegacións recordan que a norma recurrida contempla, incluso, un protocolo especial  para dar cobertura a casuísticas particulares individuais que precisen dunha prescrición determinada e dunha marca concreta, como no caso dos pacientes que presentan intolerancia a excipientes. Esta facultade compete aos facultativos do Sergas. 
 
Para os letrados do Parlamento de Galicia, a lei galega de racionalización do gasto farmacéutico encaixa  nas competencias que Galicia ten asumido en materia de sanidade, xa que “as prestacións farmacéuticas son prestacións sanitarias e estas teñen o seu encaixe  competencial na sanidade, unha vez abandonada a vinculación orixinal do sistema da Seguridade Social”.
 
Con todo, o documento presentado polo Parlamento de Galicia incide en que a lei recurrida polo Goberno central “non elimina o financiamento público de ningún medicamento senón que, en determinados principios activos, se prioriza a prescrición de medicamentos de prezo menor, pero perfectamente intercambiables cos non priorizados”.
 
A lei estatal pide racionalización do gasto
 
Abundando nesta idea, os letrados da Cámara galega recordan que a propia lexislación estatal básica, a través da lei 29/2006, de garantías e uso racional dos medicamentos,  “establece a posibilidade e a necesidade de que se adopten políticas de racionalización do gasto farmacéutico”.
 
Os preceptos imugnados pola avogacía do Estado tampouco afectan á competencia estatal en materia de inclusión e exclusión de medicamentos na prestación farmacéutica do SNS, xa que a norma galega se limita a establecer o procedemento de elaboración e modificación do catálogo,  dos medicamentos que prioriza, así como do protocolo que fixa para  para os non priorizados.

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina