saltar ao contido

Santalices reivindica a transición e posterior descentralización como motores da etapa de “maior crecemento, estabilidade e prosperidade da nosa historia”

• Participou na inauguración da exposición “Unha Galicia mellor: 40 anos do Estatuto de Autonomía 1981-2021”, organizada pola Xunta no Museo do Pobo Galego
 
• Anima a continuar divulgando o legado dos artífices da transición o do Estatuto de Autonomía

Santiago, 28 de abril de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, animou hoxe a continuar os esforzos de divulgación da historia recente da Comunidade, para superar o “gran manto de néboa” que fai que gran parte da sociedade, especialmente a poboación de menos de 50 anos, “descoñeza todo ou case todo” sobre a transición democrática e o proceso que dotou a Comunidade de autonomía política.
 
Na inauguración da exposición “Unha Galicia mellor: 40 anos do Estatuto de Autonomía 1981-2021”, organizada pola Xunta de Galicia no Museo do Pobo Galego, Santalices reivindicou o  “absoluto éxito da transición e a posterior descentralización, que nos levou da ditadura á democracia e asentou a Galicia e ao conxunto de España na etapa de maior crecemento, estabilidade e prosperidade da nosa historia”. Todo elo, agregou, “nun escenario de democracia avanzada, perfectamente homologable a calquera outra”.
 
Harmonía, estabilidade política e lealdade institucional
 
A xuízo do titular do Lexislativo galego, nestes 40 anos de vixencia estatuaria, Galicia converteuse nun dos territorios con maior capacidade de autogoberno de Europa, coa especificidade da “harmonía que caracteriza o noso autogoberno, a estabilidade nesta etapa dunha certa convulsión xeral, afastada das tensións que se rexistran noutros ámbitos xeográficos, e a plena lealdade institucional das súas organizacións”.
 
Talante, talento e conviccións democráticas
 
Na súa intervención, Santalices rendeu homenaxe a todos os artífices do proceso de desenvolvemento autonómico, como o primeiro presidente da Xunta preautonómica e despois primeiro presidente do Parlamento, Don Antonio Rosón, e tantos outros, “persoas boas e xenerosas que puxeron todo o seu talante negociador e o seu talento, o seu prestixio persoal e as súas firmes conviccións democráticas, ao servizo de España e de Galicia, na procura dun futuro mellor e con sitio para todos”.
 
Santalices Vieira recordou tamén o “espírito divulgador e construtor de pontes” que aniña no Parlamento de Galicia, recordando, neste sentido, que a Cámara galega outorgou a súa medalla, na edición de 2017, á Comisión dos 16 –autores do anteproxecto do vixente Estatuto; e á Xeración Nós, o pasado 6 de abril, como recoñecemento á “semente de galeguismo, universalidade e espírito democrático que os seus integrantes nos legaron”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina