saltar ao contido

O Parlamento de Galicia súmase á celebración do Día de Rosalía coa plantación dunha figueira procedente da casa museo da poetisa

 
• Santalices reitera  o “inquebrantable compromiso rosaliano do Parlamento” e adianta unha colaboración estable coa Fundación Rosalía de Castro
 
Santiago, 24 de febreiro de 2021.- O Parlamento de Galicia sumouse este mércores á celebración do Día de Rosalía de Castro organizando un acto simbólico consistente na plantación, no xardín do Pazo do Hórreo, dun fillo da denominada figueira de Rosalía, un exemplar centenario que afunde as súas raíces ao carón da casa museo da poetisa e que, segundo a tradición, ben puido ter sido enraizado pola autora ou por alguén da súa familia, dado o aprecio que profesaba a esta especie.
 
Con este acto, celebrado minutos antes do inicio da sesión plenaria, o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou  o “inquebrantable compromiso rosaliano do Parlamento de Galicia e de cantos del formamos parte”.
 
Adiantou que a Cámara confía en enriquecer a súa programación cultural coa colaboración estable da Fundación Rosalía de Castro, á que agradeceu a súa predisposición.
 
O acto foi clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e contou coa actuación do gaiteiro Jesús Olimpio Giráldez Río, que interpretou a peza titulada Alborada de Rosalía. Tamén interviñeron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e mailo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.
 
Nunha intervención con referencias a Carballo Calero e a Marina Mayoral –expertos na obra de Rosalía de Castro,- o presidente do Parlamento insistiu en que a escritora nacida en Santiago tal día coma hoxe de 1837 é a “autora galega mais universal, a máis coñecida, recoñecida e estudada, dentro e fóra das nosas fronteiras”, que mantén unha “eterna vixencia” por tratarse dunha “obra viva”.
 
Santalices aproveitou este acto para reivindicar as figuras de outras tres mulleres galegas, case coetáneas de Rosalía de Castro. Referiuse a Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e a Juana de Vega. “Mulleres protagonistas de biografías e sensibilidades diferentes, pero sempre comprometidas co seu pobo e adiantadas ao seu tempo, eterna fonte de inspiración e que como galegos nos enchen de orgullo”, aseverou.
 
O acto celebrado esta mañá fora organizado tempo atrás, con intención de celebralo ao longo do ano 2020, mais acabou sendo adiado como consecuencia da pandemia.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina