• A entidade de certificación verificou a idoneidade e a correcta aplicación das medidas contempladas no protocolo deseñado polo Parlamento
• Santalices insiste na importancia da hixiene de mans, o uso da máscara, a distancia social, o teletraballo e o autoconfinamento para frear a expansión do coronavirus e anima a non baixar a garda
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2021.- O protocolo de prevención fronte á covid-19 que está a aplicar o Parlamento de Galicia desde a aparición da pandemia vén de recibir a certificación específica de AENOR para este tipo de procedementos, unha vez acreditado que se axusta ao regulamento particular establecido pola a Asociación Española de Normalización e Certificación para este tipo de medidas.
O director de AENOR Internacional na Rexión Atlántica, Martín Pita López, entregou o certificado ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, no transcurso dunha visita efectuada este luns á sede do Lexislativo galego.
A certificación de AENOR foi expedida unha vez que esta entidade verificou a idoneidade e a correcta aplicación das medidas contempladas no Protocolo de actuación fronte á covid-19 do Parlamento de Galicia, e que afecten tanto á organización como ao funcionamento da institución.
Documento consensuado e en permanente revisión
Este protocolo foi deseñado a principios de marzo de 2020, antes de ser decretado o estado de alarma como consecuencia da covid-19, e está sometido a permanente revisión por parte dun grupo de específico creado a tal efecto. Para a súa redacción, o Parlamento contou co asesoramento de expertos en epidemioloxía, ao tempo que foi sometido á consideración da representación sindical do persoal da Cámara para recoller achegas.
O protocolo do Parlamento de Galicia fronte á covid-19 establece diferentes pautas de actuación en función da situación epidemiolóxica de cada momento. Deste xeito, contempla o funcionamento da institución en modo teletraballo, que pode ser total –como sucedeu durante o confinamento da pasada primavera- ou parcial- como o activado a pasada semana- e define actuacións específicas como o reforzamento da limpeza e ventilación do edificio, a dispensación de xel hidroalcohólico, a instalación de barreiras de separación cando estas resulten necesarias, ou limitacións de acceso e permanencia en determinadas áreas do edificio para minimizar os riscos.
Tamén define, entre outros aspectos, o procedemento a seguir ante a detección de hipotéticos casos positivos entre o persoal da institución ou cando algunha persoa necesite someterse a corentena.
Recomendacións das autoridades sanitarias
En opinión do presidente do Parlamento, que unha entidade externa certifique a idoneidade e correcta aplicación do protocolo fronte a covid-19 pon de manifesto a idoneidade do documento, ao tempo que traslada unha mensaxe de confianza á sociedade, porque acredita que frear o coronavirus é posible con medidas ao alcance de todos.
“O protocolo do Parlamento fronte á covid-19 axústase escrupulosamente as recomendacións das autoridades sanitarias e recórdanos que medidas como extremar a hixiene de mans, o uso de máscara, a distancia social e o autoconfinamento, cando este sexa aconsellado, resultan esenciais para frear a transmisión do axente patóxeno”, afirma o titular do Lexislativo galego.
Para Santalices, a esperanza nunha futura vacina non debe levar a ninguén –persoas, empresas ou institucións- a relaxar as medidas de prevención, razón pola que o Parlamento se esforza na aplicación estrita do seu protocolo fronte a covid-19 e o mantén permanente revisión, agora co respaldo da certificación específica de AENOR.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.