saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle a presentación do volume 'Polos camiños das horas. Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo'

• Santalices Vieira afirma que se trata dun libro “necesario e esclarecedor” que homenaxea a “dous grandes persoeiros da nosa historia contemporánea”

• A publicación recompila 167 cartas datadas entre 1949 e 1974 e depositadas no Parlamento de Galicia e na Fundación Penzol

Santiago, 15 de xaneiro de 2021.- O Pazo do Hórreo acolleu este mediodía a presentación do volume Polos camiños das horas. Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, editado pola Real Academia Galega co patrocinio do Parlamento e da Xunta de Galicia.

Trátase, en opinión do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, dun libro  “necesario e esclarecedor” que contribúe a render tributo a “dous dos grandes persoeiros da nosa historia contemporánea”, Otero Pedrayo e Carballo Calero, ao que, “con toda xustiza”, se dedicou o Día das Letras Galegas de 2020.

O libro presentado hoxe recompila 167 misivas intercambiadas por estas dúas figuras da cultura galega entre 1949 a 1974, que están depositadas no Parlamento de Galicia e na Fundación Penzol.  Do Parlamento proceden 85 cartas, dado que esta institución alberga, desde o ano 1997, a biblioteca e o arquivo persoal de Carballo Calero, integrados por arredor de 5.000 libros e 4.000 cartas.

Santalices reiterou que o material que integra a biblioteca e o arquivo de Carballo Calero, que o Parlamento “custodia con verdadeira devoción” está permanentemente a disposición do mundo cultural e académico.

Este foi un dos argumentos expostos polo presidente do Parlamento galego para xustificar a participación da institución na edición do epistolario. Santalices aproveitou para lembrar que aínda é posible visitar a ‘Mostra Bibliográfica de Ricardo Carballo Calero’ no Parlamento de Galicia, xa que foi prorrogada ata o vindeiro 31 de marzo. Na exposición, alén dos fondos propios, tamén se poden apreciar documentos senlleiros da historia recente de Galicia como un exemplar do Anteproxecto do Estatuto do Seminario de Estudos Galegos de 1931, ao que deron forma Carballo Calero e Lois Tobío.

Carballo e Otero, “pais precursores da Galicia autonómica”

Durante a súa intervención, o presidente do Lexislativo galego referiuse aos interlocutores de Polo camiños das horas como  “dous superviventes do galeguismo” polo seu papel como “salvagardas do espírito galeguista durante os anos escuros da posguerra e a ditadura”. O sacrificio dos autores -Carballo estivo preso ata 1941 e Otero apartado da docencia ata 1948- convérteos en “pais precursores da Galicia autonómica de hoxe”, feito reflectido con detalle na intensa relación epistolar que mantiveran.

O presidente do Parlamento de Galicia quixo destacar a faceta de epistológrafo do escritor ourensán, que se une ao seu perfil como orador, da que dan boa conta as cartas entre ambos os dous intelectuais.

Desta particular conversa escrita, Santalices quixo rescatar algún detalle anecdótico dos textos de Otero Pedrayo, cuxa produción epistolar chegaba á elaboración de ata unha decena de cartas diarias. O señor Trasalba acostumaba combinar  “o universo de alta cultura” con referencias á vida cotiá do mundo labrego: “a colleita de centeo, os augurios para a vendima e o millo, a recollida das patacas ou a chegada dunha parella de bois”.

O presidente do Parlamento de Galicia reiterou os parabéns á Real Academia Galega e a todas as persoas que fixeron posible esta publicación, que recolle “unha excelente radiografía dun tempo, dunhas xentes e dun xeito de relación hoxe extinguidos” e que é, principalmente “un agasallo para todos os galegos, moi especialmente para cantos profesamos o credo galeguista”.

Santalices fixo votos para que, avanzado este ano, “co esforzo de todos, podamos recuperar boa parte da normalidade cotiá para, entre outras actividades, poder celebrar tamén o Día das Letras Galegas, como as letras e como Xela Arias merecen”.

A presentación do libro celebrouse o Salón dos Reis do Parlamento de Galicia, onde tamén interviñeron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o coordinador da obra, Henrique Monteagudo; unha das persoas responsables da edición, Patricia Arias;  e a filla do homenaxeado, MarÍa Victoria Carballo-Calero Ramos.


Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina