saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 9 de decembro de 2020


 
 
4.2 3384 (11/PNP-000361)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Pazos Couñago, José Alberto e seis deputados/as máis
Sobre a demanda por parte do Goberno galego ao Goberno central da transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión do ingreso mínimo vital creado a través do Real decreto-lei 20/2020
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 33, do 21.10.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande do Goberno de España a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión do ingreso mínimo vital (IMV) creado a través do Real Decreto-lei 20/2020.
 
Así mesmo, o Parlamento insta a Xunta de Galicia a impulsar, no prazo máis breve posible, as modificacións normativas necesarias para garantir a complementariedade da Risga co IMV de cara a facilitar a transición cara a unha renda única”.
 
4.3 5003 (11/PNP-000571)
Grupos Parlamentarios Popular de Galicia, do Bloque Nacionalista Galego e dos Socialistas de Galicia
Sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central para a creación da nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 49, do 19.11.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande do Goberno central a creación da nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, con tramitación preferente e independente da que corresponda a un novo decreto de troncalidade”.
 
4.4 5234 (11/PNP-000597)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rey Varela, José Manuel e oito deputados/as máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co sector naval de Ferrol
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 49, do 19.11.2020
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“ 1.- O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a presentación dos proxectos, licenzas e autorizacións, así como o financiamento previsto e necesario para o taller de subbloques e para a transformación do Estaleiro 4.0, especialmente no que se refire ao dique seco cuberto.
 
2.- O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España a realización da modernización do Estaleiro 4.0 a través dos novos fondos europeos.
 
3.- O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a solicitude á Comisión Europea da consideración do sector naval como estratéxico, permitindo a excepcionalidade na restrición dos fondos europeos para que o sector naval de Ferrol poida beneficiarse de axudas a fondo perdido”.
 
 
4.7 5579 (11/PNP-000643)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Bará Torres, Xosé Luís e dous deputados/as máis
Sobre as demandas que se deben realizar en relación co desenvolvemento en Galicia do corredor atlántico de mercadorías
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento insta o Goberno da Xunta a que reclame do Goberno central:
 
1. A priorización dos proxectos de infraestruturas do Corredor Atlántico en Galicia, así como a mellora das conexións con Portugal coa construción da Saída Sur de Vigo.
 
2.  A mobilización de fondos do período 2021-2027 así como de fondos extraordinarios da UE, para fomentar o desenvolvemento do Corredor Atlántico galego en condición de igualdade con outros corredores.
 
3. A atención á intermodalidade do corredor, mediante a priorización das conexión ferroviarias cos portos da fachada atlántica e coas principais plataformas loxísticas, singularmente, coa execución das conexión ferroviarias ao porto de Langosteira (A Coruña).
 
4. A presentación do Plan Director do Corredor Ferroviario Atlántico, a dotación de partidas nos orzamentos do Estado e a solicitude de fondos europeos para conectar Galicia nas mesmas condicións e nos mesmos prazos que os doutros corredores.
 
5. O inmediato nomeamento, como xa se fixo para o Corredor Mediterráneo, dun comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico e así poder axilizar e coordinar a presentación de proxectos susceptibles de financiamento europeo”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina