A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 2 de decembro de 2020, adoptou o seguinte acordo:
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
Aprobación sen modificacións - 4895 (11/PNC-000585)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e seis deputados/as máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central co fin de incrementar os efectivos policiais e reforzar a seguridade cidadá en Galicia durante o Ano Xacobeo 2021 (Procedemento de urxencia)
BOPG n.º 44, do 11.11.2020
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 2 votos en contra e 3 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar do Goberno de España:
1.- A ampliación das dotacións nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2021, no programa de Seguridade Cidadá, referido ao Ministerio do Interior, co fin de poder facer efectivo o incremento en Galicia dos efectivos policiais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como da Unidade de Policía Adscrita, atendendo con iso o incremento nas demandas de seguridade requeridas en Galicia durante o ano 2021.
2.- A dotación no programa de seguridade cidadá dunha partida específica para apoiar e contribuír ao establecemento de dispositivos de seguridade específicos nas comisarías e postos policiais, así como na Catedral de Santiago de Compostela.»