saltar ao contido

O Parlamento de Galicia anima á doazón de sangue

• O presidente da Cámara anima a seguir doando sangue con regularidade, unha actividade solidaria igual de segura que antes da pandemia


Santiago, 25 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia acolleu na mañá deste mércores unha nova xornada de apoio á doazón de sangue coa presenza dunha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue. En horario de mañá, deputadas e deputados e persoal da institución tiveron oportunidade de efectuar doazóns de sangue no marco dunha campaña que se repite periodicamente na sede da Cámara galega.

Nesta ocasión, e por mor da pandemia da covid-19, o servizo sanitario do Parlamento coordinou a afluencia das persoas na unidade móbil co obxectivo de evitar aglomeracións.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, acompañado pola directora da Axencia de Doazón de órganos e sangue, Marisa Lopez, visitou o dispositivo para agradecer o xesto altruísta das persoas doadoras, pero tamén para animar ao conxunto da sociedade a doar sangue.

Recordou Santalices que a doazón de sangue é unha actividade segura, que segue sendo igual de necesaria que antes da pandemia na medida en que os hospitais continúan a precisar sangue e hemoderivados, tanto para a actividade cirúrxica, como para a súa administración a persoas enfermas para o tratamento de determinadas patoloxías.


Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina