saltar ao contido

Acordo sobre presenza reducida de deputados e deputadas no interior do Hemiciclo do Parlamento de Galicia

 
 
• Os portavoces dos grupos parlamentarios adoptaron,  logo da proposta inicial formulada polo presidente da Cámara o pasado martes, un acordo formal consistente en reducir a presencialidade dos deputados e deputadas nas sesións plenarias para evitar a coincidencia simultánea e continuada dos 75 asistentes ás sesións que, neste etapa, acadan unha duración media de 9 horas diarias.
 
• O acordo vén determinado pola situación epidemiolóxica, coas conseguintes limitacións de aforo e outras restricións ditadas polas autoridades sanitarias. O  contido do acordo será revisado periodicamente e poderá actualizarse en función da evolución da pandemia.
 
• Esta redución será de aplicación nas vindeiras sesións plenarias, comezando xa no Pleno convocado para os días 10 e 11 de novembro.
 
• A medida consiste en reducir a presenza no interior do Salón de Plenos ao 50%, mantendo a proporcionalidade en relación co número de escanos de cada un dos grupos parlamentarios:
 
- O presidente do Parlamento de Galicia (ou quen o substitúa na Presidencia da sesión plenaria) e 38 deputados/as:

* 21 PPdG
* 10 BNG
*  7 PSdG
 
• Deste xeito, a metade dos membros da Cámara seguirán  a sesión plenaria fisicamente desde os seus escanos do Hemiciclo, mentres que o resto das deputadas e deputados o farán desde os seus despachos ou noutras dependencias do Pazo do Hórreo, rotando en función do desenvolvemento da orde do día e dos distintos oradores que teñan que intervir en cada unha das iniciativas que se estean debatendo.
 
• Unicamente no momento das votacións poderán ocupar os seus escanos no Hemiciclo de xeito presencial e simultáneo os 75 deputados e deputadas.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina