No Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o Parlamento de Galicia e as deputadas e deputados que representamos á cidadanía galega queremos reiterar o noso compromiso unánime coa necesidade de seguir avanzando na loita contra a pobreza e a exclusión social, na que no ano 2019 se atopaba o 24,3 % da poboación galega.
Somos conscientes de que hoxe este dato é unha aspiración optimista. A nova lexislatura comeza cunha emerxencia sanitaria e social que empobrecerá a milleiros de galegas e galegos se non hai un compromiso político e orzamentario da Xunta de Galicia e dos concellos e deputacións.
Sabemos que a crise sanitaria da covid-19 afectou e está a afectar de xeito significativo as persoas e familias cos ingresos máis baixos, con traballos precarios e baixa intensidade laboral e con outros factores de risco como a discapacidade, monoparentalidade, violencia machista (en especial por prostitución, trata ou explotación sexual), etnia, persoas maiores ou con dependencia, poboación rural, migrantes ou refuxiadas. Trátase especialmente de mulleres, mocidade, nenos e nenas. Pero os impactos socioeconómicos non só se fan notar nunha intensificación da vulnerabilidade daquelas persoas que xa a atopaban con anterioridade, senón que as circunstancias sobrevidas están a levar a unha situación de serio risco de pobreza a persoas que non o experimentaran ata o momento.
Queremos recoñecer de novo o esforzo, a solidariedade e o civismo da cidadanía galega. Nos peores anos da crise económica e agora na emerxencia provocada pola pandemia. Sabemos da súa vulnerabilidade e temor pola situación.
Este exemplo interpélanos e obríganos a seguir avanzando nun modelo social no que non se permita deixar ninguén á marxe, e no que dende os poderes públicos se garanta a loita contra a desigualdade, os dereitos constitucionais e a inclusión social. Reiteramos o noso compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) das Nacións Unidas, asumidos polo Estado español e as comunidades autónomas. En especial co primeiro, no que se establece que “Para 2030, reducir polo menos á metade a proporción de homes, mulleres e nenos de todas as idades que viven na pobreza”.
A recuperación económica permitiu recuperar políticas e orzamentos de rendas mínimas, inclusión social, emprego ou vivenda. Non podemos permitirnos frear os esforzos para garantir o dereito a unha vida digna ás galegas e galegos. Cremos vital para o futuro demográfico de Galicia evitar a transmisión interxeracional da pobreza e que o 80 por cento das nenas e nenos que hoxe viven en familias na pobreza estean condenados a sufrila o resto da súa vida, así como as súas fillas e fillos.
Queremos ter presentes as demandas das propias persoas en situación de pobreza, reivindicadas baixo lemas como «As persoas primeiro» ou «Somos persoas, non expedientes»: loitar contra as causas da pobreza e a desigualdade desde unha óptica afastada do asistencialismo e que asegure a inclusión social; compromiso en orzamentos e planificación a medio e longo prazo; e coordinación política e técnica entre as administracións e as organizacións especializadas que reduza drasticamente a burocracia.
Conmemoramos este día cando asistimos ao aumento de discursos interesados de odio e desprezo ás persoas mais vulnerables. A fenómenos de racismo, xenofobia, machismo, LGTBIfobia ou aporofobia (odio ás persoas en pobreza). Pero de novo temos que agradecerlle á cidadanía galega a súa lección de respecto e tolerancia para que estes discursos políticos apenas teñan presenza na nosa comunidade.
As persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e nenos nin as súas nais e pais.
Tampouco o son da súa exclusión as persoas con discapacidade, migrantes, refuxiadas ou da comunidade xitana, as mozas e mozos tutelados ou as persoas privadas de liberdade.
Ninguén é culpable do seu sufrimento. Non o son as mulleres vítimas de violencia machista. Nin pola súa orientación ou identidade sexual.
Ningunha persoa é inútil, xa sexa moza, desempregada, xubilada ou se atope sen fogar, todas son quen de achegar ao crecemento, enriquecemento e cohesión da sociedade.
As persoas que sofren e denuncian estas e outras moitas mentiras ou as que afirman que «o máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres» non están soas.
Os poderes públicos temos a responsabilidade de garantir as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa de todas as persoas.
Temos tamén o compromiso de difundir e poñer o foco nas experiencias positivas e nos exemplos maioritarios de harmonía e convivencia normalizada, loitando contra a desinformación e evitando a instrumentalización ou as visións distorsionadas das persoas que viven situacións de exclusión social.
Nin a pobreza nin a exclusión social se combaten de xeito individual. É un obxectivo que implica ao conxunto da sociedade, e é a nosa responsabilidade contribuír, desde diferentes ámbitos, intensidades e formas, a que o academos.
Neste Día Internacional para a Erradicación da Pobreza facemos un chamamento para non caer na ignorancia dos prexuízos, e de seguir avanzando na inclusión urxente das persoas que non se atopan en igualdade de condicións para a consecución dunha vida digna.