saltar ao contido

Santalices reclama a deputadas e deputados “predisposición absoluta” para o acordo na XI Lexislatura

• O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a sesión solemne de apertura da XI Lexislatura, na que o titular da Cámara reiterou “esta deberá ser a Lexislatura das persoas, especialmente as máis vulnerables”
 
• Insta aos integrantes da Cámara a “dedicaren polo menos tanto esforzo a forxar acordos  como a escenificar as diferenzas”
 
• O presidente do Parlamento subliña que “a exemplaridade das persoas que exercen cargos públicos  tórnase unha esixencia ineludible”
 
Santiago, 8 de setembro de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, pronunciou este mediodía a declaración institucional de apertura da XI Lexislatura da Cámara, acto que marcha o inicio do traballo ordinario da institución coa composición xurdida das eleccións do pasado 12 de xullo.
 
Para Santalices Vieira, formar parte do Parlamento de Galicia é “unha honra e unha responsabilidade que debería situarse por riba dos intereses partidistas e dos postulados ideolóxicos nos que, lexítima e democraticamente, milita cadaquén”.
 
Animou a deputadas e deputados a “utilizaren con intensidade todas as posibilidades” regulamentarias e recordou que as únicas iniciativas parlamentarias que carecen de posibilidade de ver a luz son as que non se rexistran.
 
O titular da Cámara galega adiantou que, como sucedeu ata o de agora, na Lexislatura que comeza, calquera decisión da Presidencia ou dos diferentes órganos que compoñen a Cámara  “estará sempre sustentada no parecer favorable  dos servizos xurídicos”. Porque, na súa opinión, “unha democracia  que non respecta a lei, non pode nin debe considerarse unha democracia plena.
 
Os desafíos da covid-19
 
Santalices Vieira insistiu en que “nin este Parlamento nin ningunha outra Cámara poden permanecer alleos” á crise e os desafíos derivados da covid-19.  “Esta –agregou- deberá ser a lexislatura das persoas, especialmente a das persoas máis vulnerables, como as que padecen en carne propia os efectos da covid-19 nas súas diferentes manifestacións, directas ou colaterais”.
 
Neste escenario, o presidente do Parlamento subliñou en que “a nosa predisposición para o acordo e a procura de consensos amplos  nos asuntos de interese xeral para o país debería ser absoluta”.
 
Convidou a deputados e deputadas a “dedicaren polo menos tanto esforzo a forxar acordos como a escenificar as diferenzas”.
 
Exemplaridade
 
A xuízo de Santalices, “a exemplaridade das persoas que exercen cargos públicos, tórnase unha esixencia ineludible, tanto no exercicio das responsabilidades que nos foron encomendadas, como no noso proceder cotián no ámbito privado”.
 
“Precisamos continuar esforzándonos –agregou- por mudar a imaxe social do Parlamento de Galicia, co obxectivo último de conseguir que os galegos coñezan e valoren o traballo que aquí se fai”, na medida en que, “en excesivas ocasións”, a institución “segue a ser aínda percibida como afastada da rúa e desconectada dos problemas reais da xente”.
 
Nesta liña, e con independencia da achega de cada deputado ou deputada, Santalices adiantou que nesta lexislatura, o Parlamento deberá seguir desenvolvendo e afianzando diferentes liñas de traballo, algunhas xa iniciadas no pasado. Sinalou, como exemplo, a necesidade de continuar afondando nos mecanismos de transparencia e participación cidadá, a dixitalización ou a accesibilidade, tanto virtual, a través das TIC, como física, mediante as obras que en breve se acometerán para suprimir barreiras físicas no Pazo do Hórreo.
 
Pacto constitucional
 
O presidente do Parlamento de Galicia lembrou que o autogoberno que Galicia exerce arestora é consecuencia do pacto constitucional formalizado e referendado no seu momento, “Nestes máis de 40 anos, e a pesar das obvias dificultades do presente, Galicia e España mudaron radicalmente, sempre para mellor, ata consolidaren unha democracia parlamentaria avanzada e un razoable estado de benestar, que todos debemos esforzarnos en perfeccionar”, afirmou.
 
Na declaración institucional, Santalices agregou que “contribuírmos, cadaquén desde as súas competencias e posibilidades, a restablecer, consolidar e acentuar o clima de estabilidade, liberdade, crecemento e benestar do que gozamos nas últimas décadas tórnase unha tarefa urxente, un desafío que a todos concirne, tamén desde Galicia; tamén desde este Parlamento”.
 
Recuperar a confianza nas institucións
 
“Urxe -co concurso de todos- restablecer o crédito social das institucións a partir de comportamentos individuais caracterizados  pola exemplaridade, a transparencia e a honestidade, cun escrupuloso respecto ao marco normativo do que nos dotamos”.
 
Antes de rematar, Santalices Vieira botou a vista atrás para recordar o primeiro Parlamento de Galicia e convidar ás deputadas e deputados de hoxe a “inspirarnos nas formas e no fondo daquel primeiro Parlamento de Galicia, no que a precariedade de medios se suplía decote cun escrupuloso respecto ás formas, unha oratoria coidada e unha permanente procura do consenso, como quedou acreditado coa aprobación, por unanimidade, de boa parte do corpus lexislativo sobre o que se puxo en marcha o noso autogoberno”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina