• O presidente do Parlamento de Galicia e o delegado territorial da ONCE asinan un protocolo de colaboración para canalizar o apoio do Lexislativo galego ás persoas con discapacidade visual
• As medidas abranguen desde o apoio á inserción e a adaptación do contorno laboral para persoas con discapacidade visual na Administración parlamentaria, ata a adaptación de materiais e a formación da persoal encargado do programa de visitas guiadas á institución ou a elaboración dun manual de boas prácticas
Santiago, 14 de xullo de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o delegado territorial de Galicia da Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), Manuel Martínez Pan, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a realización de actividades de asesoramento na promoción da accesibilidade universal e no apoio á inserción laboral de persoas con discapacidade visual no ámbito do lexislativo autonómico.
No marco deste protocolo, o Parlamento de Galicia intensificará a súa aposta pola integración das persoas con discapacidade visual a través dunha dobre estratexia.
Por unha banda, a ONCE colaborará co Parlamento para facilitar a adaptación e o desenvolvemento das funcións dos postos de traballo que podan ser desempeñados por persoas con discapacidade visual no ámbito da Administración parlamentaria, ben como persoal funcionario de carreira ou laboral fixo e interino ou laboral de carácter temporal, ben como persoal en prácticas e/ou formación.
A colaboración entre a ONCE e o Parlamento de Galicia tamén abrangue o desenvolvemento de medidas orientadas a facilitar a accesibilidade universal na sede da Cámara galega, con intervencións específicas no ámbito dos programas de visitas guiadas e actos sociais que se celebren no Pazo do Hórreo, a mellora da accesibilidade física neste edificio e a súa contorna, a adaptación das guías didácticas e outros recursos divulgativos, ou a formación do persoal encargado para axeitar as actividades que se desenvolvan ás necesidades das persoas con discapacidade visual.
Manual de boas prácticas
Entre outras medidas, tamén se contempla a elaboración dun guión/manual de boas prácticas na interacción coas persoas con discapacidade visual, que inclúa pautas específicas que garantan a súa participación en igualdade de condicións respecto ao conxunto da cidadanía.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.