saltar ao contido

O Parlamento de Galicia activa un Plan de Continxencia fronte ao coronavirus

 
• As visitas guiadas á institución están suspendidas desde o xoves e poténciase o teletraballo do persoal
 
Santiago, 13 de marzo de 2020.- A Mesa da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia aprobou, na súa reunión de hoxe, un Plan de Continxencia fronte ao coronavirus na Cámara galega.
 
O documento crea un Grupo de Coordinación no seo do Comité de Seguridade e Saúde do Parlamento para monitorizar, propoñer ou acordar, se foxe o caso, as medidas que se teñan que aplicar en función das recomendacións das autoridades sanitarias.
 
Entre outras medidas, o Plan de Continxencia potencia a opción do teletraballo para o persoal ao servizo da Administración parlamentaria e recomenda limitar as visitas e reunións na sede parlamentaria, limitándoas ás estritamente necesarias e priorizando sempre a utilización de medios telemáticos.
 
O Plan de Continxencia determina diferentes medidas hixiénicas como a supresión do material reutilizable que se usaba como soporte paras as acreditacións que se entregan ao persoal que visita a Cámara, que se substituirán por etiquetas adhesivas dun só uso.
 
O Parlamento de Galicia instalou cartelería informativa con recomendacións das autoridades sanitarias en relación co coronavirus
 
Tamén están suspendidas as diferentes modalidades de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia, ao tempo que se deixan de organizar as charlas divulgativas que ex-deputados/as da Cámara ofrecían en diferentes centros educativos.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina