saltar ao contido

Santalices reivindica a “política con maiúsculas”, na que a estabilidade e o benestar das persoas “se antepoña ao tacticismo e os cálculos electoralistas”

 
• O presidente do Parlamento de Galicia exerceu como delegado rexio na Ofrenda da Translación
 
• Insiste en que blindar o estado de benestar constitúe unha necesidade apremiante, “pero tamén unha obriga moral para cantos somos partícipes do seu deseño e administración”
 
• Anima a recordar as dificultades do pasado e avoga pola solidariedade “tanto entre persoas como entre territorios”
 
• Unha “transición enerxética xusta que preserve a actividade económica e o emprego supón  un desafío para todos, e moi particularmente para Galicia, que contén o alento ante a ameaza dunha descarbonización abrupta que ameaza postos de traballo”
 
Santiago, 30 de decembro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, exerceu hoxe como delegado rexio na Ofrenda da Translación, unha cerimonia que se celebra desde 1646 e que, nesta ocasión, por mor das obras de restauración da Catedral de Santiago, se celebrou na Igrexa de San Francisco.
 
Na súa invocación ao Apóstolo Santiago, Santalices reivindicou a “política con maiúsculas, a que busca o acordo e responde e soluciona con intelixencia os problemas dos cidadáns; reivindicamos a política e os políticos que respectan o Estado de dereito e a separación de poderes consagrada pola carta magna aprobada por unha inmensa maioría de españois”.
 
Avogou por unha política que procure construír un futuro de oportunidades en lugar de tentar destruír  ao adversario. “Que a estabilidade política e o benestar das persoas se antepoña –dixo- agora e para sempre, ao tacticismo e os cálculos electoralistas”.
 
Compromiso xacobeo da monarquía española
 
O titular do Lexislativo galego agradeceu poder representar ao Rei nesta cerimonia que  que aúna “tradición, vocación e sentimento” e recordou   o “firme compromiso xacobeo” da monarquía española. Desexou “saúde e larga vida” ao rei Felipe VI e á súa familia, “para afrontar con sabeduría e acerto os altos cometidos que ten encomendados á fronte da Xefatura do Estado”.
 
O delegado rexio fixo votos para materializar un “clima propicio para o emprego e o benestar social, de maneira que as familias, nas súas diferentes tipoloxías, podan desenvolver o seu propio proxecto de vida”.
 
Insistiu en que “blindar o estado de benestar” constitúe unha necesidade apremiante, “pero tamén unha obriga moral para cantos somos partícipes do seu deseño e administración”.
 
Na súa intervención, na que empregou o galego e o castelán, Santalices Vieira  animou a “escoitar e interpretar correctamente” á mocidade, ao tempo que puxo en valor  a experiencia e os coñecementos que atesouran as persoas maiores.
 
Para o presidente do Parlamento de Galicia, dramas como a violencia de xénero evidencian un fracaso que “debe ser combatido sen tregua, quizais con estratexias novidosas, xamais desde a indiferenza, o conformismo ou, o que sería peor, o negacionismo que fere ás vítimas e define aos que o abandeiran”.
 
Fronte a aos brotes ou tentacións xenófobas, Santalices Vieira convidou  a facer memoria e “recordar as nosas dificultades do pasado” e avogou pola solidariedade “tanto entre persoas como entre territorios”.  Advertiu do “risco de demonizar aos nosos semellantes, xa sexa por razóns de índole económica, orixe, relixión ou ideoloxía”.
 
Cambio climático
 
O delegado rexio chamou a atención sobre os riscos derivados do cambio climático e apuntou que cada quen,  na medida das súas posibilidades, é corresponsable do novo rumbo que debe adoptarse para preservar o medio natural.
 
A articulación dunha “transición enerxética xusta que
preserve a actividade económica e o emprego supón –afirmou Santalices- un desafío para todos, e moi particularmente para esta Galicia nosa, que contén o alento ante a ameaza dunha descarbonización abrupta que ameaza moitos postos de traballo”.
 
Vixencia do bilingüismo
 
Cun autogoberno “plenamente consolidado que multiplicou as posibilidades de crecemento, proxección social, cultural e económica de Galicia, seguimos reivindicando as peculiariedades da nosa cultura, que ten como principal expoñente a lingua  galega”. Con todo, o oferente reivindicou a “plena vixencia  dos nosos dous idiomas oficiais –galego e castelán- que nos confiren o privilexio de poder comunicarnos con medio mundo”.
 
Insistiu tamén o presidente do Parlamento na “plena inserción de Galicia na España constitucional” e puxo de manifesto “a nosa pertenza, como socios de pleno dereito da Unión Europea, sabedores de que, nun mundo globalizado, o individualismo nos abocaría irremediablemente a un estrepitoso fracaso”.
 
O delegado rexio respaldou o retorno dos galegos e galegas, ben de primeira xeración ou dos seus descendentes, por tratarse dunha “prioridade que temos a obriga de apoiar coo expresión máxima de fraternidade”.
 
Santalices Vieira reivindicou os valores da cultura de occidente, “ás veces adormecidos, pero sempre exemplo de respecto e de pluralidade, valores que queremos para nós, para os nosos fillos e para o mundo enteiro”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina