saltar ao contido

O Parlamento de Galicia instala pictogramas para facilitar a accesibilidade cognitiva das persoas con trastorno do espectro autista

 
• Os pictogramas responden ao marcado pensamento visual das persoas con TEA e constitúen o sistema que mellor se adapta ás necesidades deste colectivo
 
Santiago, 23 de decembro de 2019.- Facilitar a accesibilidade cognitiva das persoas con trastorno do espectro autista (TEA) é o obxectivo dos pictogramas que se veñen de instalar o Parlamento de Galicia coa colaboración da Federación Autismo Galicia.
 
A medida enmarcase nun convenio asinado no seu momento entre o Parlamento de Galicia e a Federación Autismo Galicia para a promoción da accesibilidade das persoas con trastorno do espectro autista no ámbito da Cámara galega.
 
As persoas con TEA presentan alteracións da linguaxe, o que interfire na súa capacidade para interpretar e interactuar co mundo que os rodea. Para superar estas carencias, utilízanse Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación (SAAC). Dentro destes sistemas, os pictogramas son os que mellor se adaptan ás persoas con autismo, dado o seu marcado pensamento visual.
 
Adaptación dunha guía didáctica
 
De xeito paralelo á sinalización con pictogramas, a Federación Autismo Galicia tamén colabora coa Cámara galega para adaptar e facer accesible para as persoas con TEA a guía didáctica “Coñece as túas institucións” dirixida ao alumnado que visita o Parlamento de Galicia. Autismo Galicia tamén asesorará aos profesionais encargados das visitas guiadas ao Parlamento de Galicia facilitando pautas de comunicación e suxerindo axustes para facilitar a comunicación coas persoas con TEA.
 
Ademais de facilitar a accesibilidade cognitiva no Pazo do Hórreo, con esta medida o Parlamento de Galicia busca concienciar ao conxunto da sociedade respecto ás necesidades específicas das persoas con TEA.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina