saltar ao contido

O Parlamento homenaxea a Celso Emilio Ferreiro “figura determinante” polo seu compromiso coa lingua e a cultura de Galicia


 
• A Cámara galega acolleu esta tarde un acto de homenaxe ao autor falecido hai 40 anos
 
• Santalices anunciou a próxima publicación dunha obra sobre Celso Emilio Ferreiro patrocinada pola secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e polo Parlamento de Galicia
 
Santiago, 2 de decembro de 2019.- O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde un acto de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro para conmemorar o 40 aniversario do seu
pasamento.
 
O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou que “nada do que acontece en Galicia, ningunha corrente de pensamento, ningún feito histórico, literario, social ou cultural debe resultar alleo ao Parlamento de Galicia, a casa de todas as galegas e galegos”.
 
Por esta razón, argumentou Santalices, “xornadas coma esta, que conmemora o 40 aniversario do pasamento de Celso Emilio Ferreiro, son e serán sempre benvidas nesta institución, máxime tendo en conta que somos en gran parte debedores do traballo, do sufrimento, da incomprensión e do infinito talento de figuras como a que hoxe homenaxeamos”.
 
Próxima biografía
 
O titular do Lexislativo galego anunciou que a homenaxe deste luns terá continuidade coa publicación dunha obra sobre Celso Emilio Ferreiro, con textos de Ramón Nicolás e co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e do Parlamento de Galicia.
 
Insistiu Santalices Vieira en que “para os que nacemos, nos criamos e pensamos en galego, Celso Emilio Ferreiro –ao que tiven o privilexio de tratar na nosa casa de Bande- é unha figura determinante” polo seu compromiso coa lingua e a cultura de Galicia.
 
A homenaxe celebrada esta tarde no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia contou tamén coas intervencións do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o profesor Ramón Nicolás, biógrafo de Celso Emilio Ferreiro;  e o académico e ex-presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero “un dos grandes sabios da nosa tribo”, en palabras de Santalices. Alumnado do IES Castelao, de Vigo, e do IES Celso Emilio Ferreiro, de Celanova, deron lectura a diferentes textos do autor homenaxeado. Por parte da familia, interviñeron un fillo e un bisneto de Celso Emilio Ferreiro. O acto foi presentado pola actriz Isabel Blanco, Premio Celanova, Casa dos Poetas 2019.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina