Santiago, 26 de novembro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde en Madrid no acto de entrega da IV edición dos Premios da Fundación DomusVi que, nesta ocasión recoñeceron, entre outros galardoados, ao empresario e presidente do RC Celta de Vigo, Carlos Mouriño.
O titular do Lexislativo autonómico trasladou a súa noraboa a todos os galardoados, exemplo de compromiso coas persoas máis vulnerables e coa sociedade no seu conxunto, e felicitou expresamente a Carlos Mouriño.
Santalices Vieira felicitou tamén á Fundación DomusVi polo labor que desenvolve no ámbito da atención á terceira idade e á dependencia. Para o presidente do Parlamento de Galicia, as diferentes redes asistenciais orientadas a estes colectivos constitúen, ademais dun reto, unha oportunidade para o emprego e para fixar poboación, especialmente no medio rural.