saltar ao contido

Declaración institucional con motivo do Día Mundial da Arquitectura


 (7 de outubro)

Este ano, no Día Mundial da Arquitectura, o luns 7 de outubro, a Unión Internacional de Arquitectos (UIA), o Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia poñen o foco sobre o desafío decisivo que representa a vivenda… para todas e todos.
 
En todo o planeta, máis de mil millóns de persoas viven de xeito precario e sen servizos urbanos e millóns de homes e mulleres, refuxiados e desprazados por conflitos e catástrofes, carecen dun teito de maneira permanente.

En España, a progresiva concentración arredor das grandes cidades e a falla dun parque residencial accesible están encarecendo o prezo da vivenda. Isto dificulta que a xuventude e as familias poidan acceder a unha vivenda que responda ás súas necesidades de forma digna e axeitada, mentres que o mundo rural, tan presente en Galicia, sofre o fenómeno do despoboamento. Os cambios acelerados que vivimos, a urxencia de afrontar a emerxencia climática, reducindo o consumo enerxético dos fogares, e a necesidade de os adecuar aos modos de vida e de traballo actuais e aos requirimentos dunha poboación cada vez máis envellecida, amosan un parque de vivendas que require unha transformación xeneralizada e urxente.
 
Os profesionais da arquitectura dirixen os esforzos a contribuír na resposta colectiva que esixen estes retos:
 
— Fronte ao prezo inalcanzable da vivenda, achegando solucións arquitectónicas eficientes, innovadoras e transversais e estratexias urbanas e territoriais que reequilibren a oferta e a demanda a medio e longo prazo.
 

— Contra o despoboamento, proporcionando planeamento urbano e estratéxico de diferentes escalas e accións de consolidación e renovación urbana en cada concello. E impulsando e contribuíndo á renovación e adecuación do parque de vivendas edificado para garantir a súa calidade e para que atenda unhas necesidades habitacionais actuais e futuras moi diferentes das que existían cando se construíu.
 
Por todo isto, os arquitectos de Galicia creen necesario dar un salto adiante. Un paso que implique todos os axentes involucrados, colexios profesionais, institucións locais, provinciais e   autonómicas, e, por suposto, toda a sociedade galega. Para que entre todos poidamos poñer freo ás situacións coas que moitas veces nos atopamos. Traballando xuntos para garantir o dereito ao acceso a unha vivenda digna para todas as persoas. Uns alertando e informando e os outros, facilitando axudas e asistencia.

Porque son moitas as vivendas que seguen a carecer de auga quente, moitas delas propiedade de persoas maiores e con baixos recursos, outras que carecen de sistema de calefacción ou illamento mínimo e onde residen familias con varios menores a cargo, centos de casuísticas que nos alarman, preocupan e obrigan a comprometernos. Porque non cremos que na sociedade en que vivimos poidamos tolerar que existan tantas vivendas ou construcións que carezan das condicións mínimas de habitabilidade, de seguridade e incluso de estabilidade, infravivendas que no noso territorio son miles.
 
Reduzamos o seu número e garantamos así vivendas dignas e axeitadas, integradas en contornos construídos e medioambientais de calidade, para todas e todos, pero especialmente para as familias e as persoas máis vulnerables de Galicia.
 
Construamos canles coa sociedade.
Construamos dignidade e dereitos.
Construamos vivendas para todas e todos.
 
 
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2019

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina