saltar ao contido

Cúmprense 30 anos da inauguración do Pazo do Hórreo como sede do Parlamento de Galicia

 
• Coa rehabilitación e posta en servizo do Pazo do Hórreo, remataba unha etapa de provisionalidade que obrigou ao Parlamento a ocupar sedes prestadas durante as dúas primeiras lexislaturas
 
Santiago, 9 de outubro de 2019.- Este xoves, 10 de outubro, cúmprense 30 anos da inauguración do pazo do Hórreo como sede do Parlamento de Galicia, feito que a Cámara lembrará aos seus visitantes coa proxección dun vídeo que fai memoria do proceso de adquisición, rehabilitación e posta en servizo da edificación que fora inicialmente proxectada para albergar unha escola de veterinaria. Tamén se amosa documentación da época, como o contrato de adquisición do edificio ao Ministerio de Defensa, o DOG coa publicación do decreto polo que se afecta ao Patrimonio da Comunidade Autónoma o inmoble do denominado “Cuartel de Veterinaria”, ou o Diario de Sesións do primeiro pleno celebrado no Pazo do Hórreo.
 
O 10 de outubro de 1989 tivo lugar a inauguración oficial do Pazo do Hórreo como sede do Parlamento de Galicia, celebración que se fixo coincidir coa última sesión plenaria da segunda lexislatura. Deputados e funcionarios xa traballaban no Pazo do Hórreo desde o mes de marzo anterior, aínda que coas obras sen rematar. O Pazo do Hórreo estreárase como sede parlamentaria coa celebración do primeiro debate sobre o Estado da Autonomía, que comezou o 14 de marzo de 1989.
 
Co traslado da sede do Parlamento ao Pazo do Hórreo remataba unha etapa de provisionalidade que levou a Cámara galega a ocupar anteriormente dúas sedes prestadas: o Pazo de Xelmírez, no que se celebrou a primeira sesión constitutiva, o 19 de decembro de 1981; e o Pazo de Fonseca, sede provisional entre xuño de 1982 e febreiro de 1989.
 
Os antecedentes do edificio
 
O edificio que alberga o Parlamento de Galicia foi deseñado e construído para albergar unha Escola de Veterinaria, máis entre unha e outra etapa atravesou diferentes vicisitudes. Os terreos sobre os que se construiría a sede da Escola de Veterinaria –estudos que se impartían no Colexio de Fonseca desde 1882- foron mercados polo Concello de Santiago en 1903 e cedidos ao Estado. Sumaban unha superficie de 61.544 metros cadrados, nunha ubicación elixida por ser un lugar ventilado, con vertentes opostas ás da cidade de Santiago, axustándose así ás necesidades pedagóxicas e hixiénicas que se precisaban.
 
A primeira pedra da Escola de Veterinaria  e os seus servizos anexos de estación pecuaria e granxa agrícola de experimentación colocouse o 24 de marzo de 1903, nun acto presidido polo deputado Eugenio Montero Ríos, gran impulsor do proxecto, e as obras non rematarían ata 10 anos despois. O proxecto inicial do edificio é de Antonio Bermejo y Arteaga, daquela arquitecto municipal de Santiago de Compostela, que seguiu modelos de escolas francesas. Falecido este, faise cargo do proxecto o tamén arquitecto Arturo Calvo, que modifica algúns aspectos do mesmo e sería tamén o director das obras. 
 
A maiores, entre 1921 e 1924 compartiu sede coa Misión Biolóxica de Galicia e nos seus predios, da man de Cruz Gallástegui, naceu o primeiro millo híbrido de toda Europa.
Desaparecida a Escola de Veterinaria, no ano 1925 formalízase definitivamente a cesión de todo o edificio ao Exército, que o utilizou ata a segunda metade da década dos oitenta.
 
No ano 1986, a Xunta de Galicia mercou o edificio ao Ministerio de Defensa para convertelo en sede oficial do Parlamento de Galicia.
 
Concurso de arquitectura
 
Unha vez adquirido o cuartel, a Mesa do Parlamento de Galicia, presidida por Tomás Pérez Vidal, convocou en 1987  un concurso de ideas para seleccionar o anteproxecto de rehabilitación e adaptación do edificio como sede da Cámara lexislativa galega. Resultou gañador o arquitecto galego Manuel Andrés Reboredo Santos. As obras executáronse axiña e remataron no ano 1989.
 
Pódese ampliar información sobre este e outros aspectos da historia da Cámara galega no seguinte enlace: http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/Trinta_Anos_do_Parlamento_de_Galicia_Web.pdf)
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina