saltar ao contido

Acordos da Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, celebrada o 2 de outubro de 2019

A  Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, na súa sesión do 2 de outubro de 2019, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso

 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións
- 53086 (10/PNC-004228)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Pérez, Moisés e 6 máis
Sobre a adopción polo Goberno de Estado das medidas necesarias para impulsar e promover a industria da automoción
BOPG n.º 522, do 30.08.2019
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 3 votos en contra e 2 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para:
 
1.-Impulsar,  a  través  da  colaboración  público-privada,  a  execución  da  axenda sectorial da industria da automoción que ten como obxectivo promover un sector competitivo, sustentable e que desenvolva tecnoloxías de propulsión baixas en emisións e vehículos propulsados con enerxías alternativas, en liña co seu compromiso coa mobilidade sustentable, así como o avance cara ao vehículo autónomo e conectado que permita unha condución máis segura e eficiente. Nesta execución Galicia debe ter unha participación, como mínimo, nunha porcentaxe similar á súa contribución á capacidade produtiva do Estado.
 
2.-    Que non se restrinxa ningunha tecnoloxía, de modo directo ou indirecto, especialmente as relacionadas co diésel nin se xere incerteza innecesaria na cidadanía, porque afecta negativamente o mercado, aos investimentos, ao emprego directo e indirecto do sector e xera inseguridade e perda de valor aos compradores recentes de vehículos diésel, a pesar que as evidencias científicas e técnicas demostran que os novos motores diésel producen menos emisións contaminantes e son máis eficientes en termos de emisións de CO2, que vehículos propulsados por outro tipo de combustibles.
 
3.-      Incentivar a substitución de vehículos de máis de dez anos, fomentando o seu cambio por vehículos novos de baixas emisións.
 
4.-    Non incrementar a fiscalidade sobre o diésel en tanto que estamos nun momento de desaceleración na compra de vehículos e polo especial impacto que tería o anuncio feito polo Goberno central na economía de familias e a competitividade das empresas galegas”.

Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 54027 (10/PNC-004302)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 5 máis
Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia en relación coa problemática das traballadoras e traballadores afectados pola deslocalización de servizos de provisión e xestión de rede das empresas de telefonía R Cable e Euskaltel
BOPG n.º 522, do 30.08.2019
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego acorda:
 
1. Expresar, por resolución, o seu apoio ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores das empresas auxiliares que prestan servizos de operación e mantemento de rede e atención ao cliente de R Cable, para que estes servizos continúen a ser prestados desde territorio galego, garantindo ademais que a atención ao cliente se siga dando en galego.
 
2. Instar ao goberno da Xunta de Galicia a dirixirse a R Cable e Euskaltel para que se senten a negociar coas traballadoras e traballadores afectados e se reverta a situación, e, se estas se negasen, revisar a situación destas empresas como provedoras de servizos para a Xunta de Galicia así como asegurar o dereito dos consumidores a ser atendidos en idioma galego.”

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina