saltar ao contido

Santalices: “Blindar o noso sistema sanitario público é e será unha obriga ineludible”

 
• O presidente do Parlamento inaugurou esta tarde en Santiago o I Encontro Mundial de Médicos Galegos
 
• Destaca a capacidade dos médicos galegos para compatibilizar coñecementos científicos e avances tecnolóxicos coa visión integral da persoa, “unha das esencias da medicina”
 
Santiago, 19 de setembro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou esta tarde en Santiago o I Encontro Mundial de Médicos Galegos, organizado por ASOMEGA, e que conta coa participación de facultativos asentados en diferentes lugares de España e do mundo.
 
Santalices aproveitou a ocasión para recordar que mentres que os integrantes de ASOMEGA (Asociación de Médicos Galegos) “forman parte da elite médica, científica e académica, a práctica totalidade dos  galegos e galegas que outrora tomaban o camiño da emigración, o facían con tanta necesidade económica como escasa ou nula formación regrada”.
 
Agregou que “por fortuna, as circunstancias mudaron radicalmente, e para mellor, nas últimas décadas”, como o demostra o feito de que un crecente volume de galegas e galegos titulados universitarios desempeñan postos de responsabilidade fóra da Galicia territorial.
 
Santalices relacionou esta realidade coa extensión do sistema de benestar, no que Sanidade  e Educación “son piares determinantes”.
 
Para o presidente do Parlamento, “blindar o noso sistema sanitario público, universal e gratuíto é e será  unha obriga ineludible para calquera responsable público”. “En Galicia estamos profundamente comprometidos con este obxectivo”, subliñou.
 
Santalices Vieira gabou o traballo que ASOMEGA vén desenvolvendo desde a súa fundación, hai xa un cuarto de século, no seu afán por aglutinar a médicos e outros sanitarios galegos (ben por nacemento, ben por formación). Trátase de “facultativos que traballan en ámbitos punteiros, que atesouran un enorme caudal de coñecementos, de prestixio e de capacidade de proxección que en non poucas ocasións poñen ao servizo de Galicia, exercendo como excepcionais embaixadores deste terra”.
 
Visión integral da persoa
 
Con todo, o presidente do Parlamento destacou que máis aló dos coñecementos científicos e dos avances tecnolóxicos, os médicos galegos “souberon preservar unha das esencias da medicina: a visión integral da persoa e a capacidade para conectar co enfermo, sempre co obxectivo último de tratar e confortar á persoa, non só a enfermidade”.
 
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina