saltar ao contido

Santalices: “Institucións como o Valedor do Pobo resultan imprescindibles en democracia”

• O Parlamento de Galicia acolleu hoxe o acto de toma de posesión de María Dolores Fernández Galiño como valedora do pobo
 
• O presidente da Cámara celebra o consenso que fixo posible a designación e recorda que “a xente demanda acordos”
 
Santiago, 2 de agosto de 2019.- A valedora do pobo, María Dolores Fernández Galiño, tomou posesión esta mañá no Parlamento de Galicia nun acto que contou coa asistencia das primeiras autoridades da Comunidade Autónoma.
O presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira,  felicitou á nova titular do Valedor do Pobo, alto comisionado do Parlamento para a defensa, no ámbito da Comunidade Autónoma, dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, e amouse convencido de que exercerá esa responsabilidade coa “prudencia, acerto, vocación e rigor” que caracteriza a súa traxectoria. Tivo tamén verbas de agradecemento para a anterior valedora, Milagros Otero Parga.
 
Alicerce do autogoberno
 
Para o presidente do Parlamento, o Valedor do Pobo é unha institución  estatutaria que constitúe “un dos alicerces do noso autogoberno e articúlase como unha peza básica para garantir  o correcto funcionamento dunha democracia avanzada como a nosa, no marco da Constitución e do Estatuto de Autonomía”.
 
A xuízo do titular do Lexislativo galego, “institucións como o Valedor do Pobo resultan imprescindibles nunha democracia como a nosa, que aspira a seguir avanzando na defensa dos intereses da cidadanía”.
 
Consenso
 
Santalices Vieira   amosou a súa satisfacción polo consenso que permitiu a elección da nova valedora do pobo. “Benvido sexa ese consenso –dixo-, que oxalá chegue para quedar, porque esa é unha demanda insistente da cidadanía que fariamos moi mal en ignorar”.  Agregou que “ningún escenario político, ningunha estratexia electoral curtopracista pode interpoñerse entre as demandas sociais e as institucións. Créanme, a xente demanda acordos, demanda consensos nos asuntos importantes”.
 
O presidente do Parlamento apuntou que, “por fortuna”, Galicia se mantivo á marxe do debate que tempo atrás cuestionou a oportunidade de manter institucións como o Valedor do Pobo. Pola contra, a Comunidade “reforzou as competencias destes órganos  nunha aposta  por reforzar os mecanismos de transparencia, como sucedeu ao atribuír ao Valedor do Pobo as funcións de Comisionado de Transparencia; e de prevención da corrupción, no ámbito competencial do Consello de Contas”.

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina